As indemnizacións a propietarios quedan até 15 veces por baixo do mínimo esixíbel. Unións Agrarias sostén que debera trasladarse ao rural un "reparto xusto" da riqueza xerada.
O marco actual permite compensacións mínimas aos propietarios dos terreos por parte da empresa eólica
O potencial dunha leira ou monte do país para xerar enerxía non é criterio á hora de retribuírlle aos seus propietarios no momento de compensalos por expropiación ou de satisfacer os alugueiros. Paradoxalmente, os xurados de expropiación e tribunais de xustiza aplicaron até o de agora o simple cálculo das rendas agrarias que producen os seus cultivos forestais ou agrarios, convertendo en gangas o acceso aos terreos por parte das empresas do sector. O resultado: prezos moi baixos e mesmo "ridículos" atendendo aos beneficios que obterá a empresa beneficiada.
Se os grupos empresariais que rabuñan estes predios tivesen que pagar en función da verdadeira razón polo que cobizan estes solos, para chantar muíños cos que xerar megavatios, deberían aboar cantidades ben maiores. Así se desprende dos datos analizados por economistas da Universidade de Santiago, do departamento de Economía Aplicada da Escola Politécnica do campus de Lugo, que acaban de facer público un estudo elaborado a petición do sindicato Unións Agrarias (UUAA). Hai tempo que desde UUAA se laiaban dunha situación onde ese potencial dos terreos non era valorado como característica intrínseca, senón como estrita plusvalía "por unha simple recualificación urbanística de carácter administrativo".
As empresas pagan 2 onde deberan pagar 30
No contexto actual, o recente Xurado de Expropiación de Galicia vén fixando entre un máximo de 6 euros e un mínimo de 2 euros por metro cadrado á hora de resolver xustiprezos no caso de conflitos por expropiación. Cando son os Xurados de Expropiación Provinciais, as cantidades habituais son aínda menores. No caso dos acordos voluntarios e extraxudiciais entre propietarios e empresas, as cantidades veñen sendo similares a estas.
Segundo os casos estudados e á luz da avaliación rigorosa que propoñen aplicar os economistas da USC para a valoración dos mesmos terreos, a cantidade media que se debera aboar neses casos en Galiza é dun total de 30,77 euros por metro cadrado. Un abano que iría entre un mínimo de 27,12 euros e un máximo de 35,10 euros. Doutra banda, no caso dos arrendamentos, o estudo estabelece un prezo medio de 1,37 euros por metro cadrado e ano de actividade do parque.
Baremo recomendado para as novas concesións
Para Unións Agrarias o estudo ofrece un aval claro para un aumento xeneralizado dos prezos a aboar nos vindeiros proxectos eólicos. Subliñan desde o sindicato que non rexeitan o desenvolvemento destas iniciativas enerxéticas, pero que si se seguirán manifestando en contra de que se fagan "cun marco de relacións inxusto para os propietarios rurais e comunidades de montes, cunha prevalencia abusiva da administración que actúa como xuíz e parte, e unhas empresas que se aproveitan dunha aplicación inaxeitada dos procedementos de valoración dos predios eólicos". O estudo achegado este mércores, recomendan, debera marcar un antes e un despois no labor de xurados de expropiación e tribunais tanto en Galiza como no Estado Español.