Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na 15ª xornada de folga, en Pontevedra

A patronal acusa a CIG de levar os traballadores a posicións “moi radicais” no conflito do Metal

Foncalor sinala que a central está "pechada" ás negociacións, mentres que con UXT e CCOO "sería posíbel" chegar a un acordo.

Redacción / EP - 08:00 24/06/2009
Na mobilizacións, esta terza feira (15ª xornada de folga) / Imaxe: CIG

Na mobilizacións, esta terza feira (15ª xornada de folga) / Imaxe: CIG

Foncalor, a patronal de instaladores de fontanería, calefacción e afíns da provincia de Pontevedra e que forma parte da mesa negociadora do convenio do sector metalúrxico, acusou esta terza feira á CIG de manter unha actitude de "cerrazón" na negociación, e manifestou as súas sospeitas de que este sindicato puxo "o listón moi alto" cos seus traballadores, e "está a levalos a posicións moi radicais".

Así o afirmou o voceiro desta asociación empresarial na mesa negociadora do convenio, Víctor Manuel López, quen considerou que, debido a esta postura, a CIG "neste momento non sabe como dar volta atrás"; mentres sinalaba que "polos outros dous" sindicatos -en alusión á UXT e CCOO-, "sería posíbel chegar a ver algún tipo de luz" para pór fin ao conflito. Así mesmo, explicou que o seguimento da folga "é practicamente o naval" mentres que no que respecta ao seu ámbito, o da fontanería, a maioría dos operarios traballan e "apoian os seus empresarios". "Non entendemos a quen representan os sindicatos neste momento", asegurou o representante da patronal, quen lembrou que o metal abrangue máis sectores que o relacionado coa industrial naval.

Dende Foncalor tamén recoñeceron que o paro, que esta cuarta feira chegará á súa décima sexta xornada, está producindo "perdas" e asegurou que, de continuar así, e cos "atentados" -en referencia a diversos ataques con artefactos incendiarios e explosivos, un deles á súa sede-, que vincularon ao conflito, haberá empresas que "terán que botar o peche".

Por outra banda, o presidente de Foncalor, Carlos Romeu, lamentou que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, "non se puxo en contacto connosco até onte" -pola segunda feira-, após coñecerse a explosión dunha bomba de palenque ante a sede empresarial-, e asegurou que o rexedor comunicoulle, nunha conversa telefónica, "que nos apoiaba totalmente e que estaba de acordo con que os do conflito-bomba eran os mesmos sindicatos".

Sindicatos do metal estudan desconvocar a folga e analizan unha proposta de suba salarial dos mediadores
Os sindicatos do metal consultarán nos seus órganos internos e nas asembleas de traballadores que se desenvolvan nas vindeiras horas se desconvocan a folga indefinida no sector, prevista para esta quinta feira, mentres estudan unha proposta de incremento salarial que os mediadores das dúas Administracións -galega e estatal-, lles puxeron sobre a mesa a eles e á patronal.

Esta proposta contempla, no marco dun convenio colectivo con tres anos de vixencia, incrementos salariais intermedios entre as ofertas de ámbalas dúas partes -2,5 puntos para 2009; IPC máis 1,5 para 2010; e IPC máis 1,25 para 2011-. Así, tras comprobar os límites aos que estaban dispostos a chegar uns e outros, constataron que a diferenza era de 0,8 puntos, polo que optaron por expor unha alternativa na que cada parte cedese 0,4 puntos, e engadiron a condición de que nunca se terá en conta un IPC negativo.

A proposta dos mediadores -o xefe territorial de Galiza de Inspección de Traballo, Carlos Domenech; o xefe provincial de Inspección, José María Casas; o presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, Demetrio Fernández; e a delegada territorial da Xunta, Lucía Molares-, debe ser analizada para dar unha resposta, como data límite, o vindeiro 30 de xuño. Entre tanto, os representantes da Administración afirmaron que sería "razoábel" que a "reflexión" sobre dita alternativa se faga nun "clima de paz social e de tregua".



2,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: