Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A realidade das piscifactorías

Poucos empregos e temporais malia as inxeccións económicas na acuicultura

As administracións financian até o 50% dos proxectos do sector. O anterior Goberno estudaba a reclamación de subvencións ás empresas que despois facían despidos.

R.N. - 13:45 23/06/2009
Piscifactoría de Stolt Sea Farm en Quilmas (Carnota) / Foto: Adega

Piscifactoría de Stolt Sea Farm en Quilmas (Carnota) / Foto: Adega


Até o 50% do investimento necesario para poñer en marcha unha piscifactoría pode ser financiado con cartos públicos. O plan acuícola vixente proxecta inicialmente poñer a disposición do sector até un total de 390 millóns de euros para o financiamento das iniciativas empresariais.

Con eses números na mesa, a finais de 2008, o anterior Goberno interviña na polémica aberta logo do despedimento de 20 traballadores do grupo empresarial Stolt Sea Farm en Galiza. Con 117 millóns de euros en beneficios obtidos no último exercicio, logo de recibir importantes cantidades da administración para os seus proxectos e con outras iniciativas potenciais plan acuícola mediante, non parecía lóxica a redución no cadro de traballadores. Levado o asunto ao Parlamento da man do deputado nacionalista Bieito Lobeira, quen recordaba a obriga dun mínimo de cinco anos de mantemento dos empregos iniciais, o daquela director xeral de Estruturas e Mercados da Consellaría de Pesca, Xosé Manuel López Rodríguez, aseguraba que a Xunta investigaría o acontecido neste ou noutros casos e reservaríase o dereito de, no seu caso, reclamar as subvencións concedidas.

De xeito paralelo, as condicións laborais neste grupo acuícola eran postas en cuestión polos traballadores. Desde a Federación Agroalimentaria de Comisións Obreiras denunciaban por aquel tempo que a empresa teimaba en que os traballadores renunciasen a conquistas como o complemento por antigüidade a cambio de frouxas subas salariais e presionaba "afogando economicamente o persoal a base de mantelo sen suba salarial desde 2006". Todo nun contexto de xa de por si "baixos salarios", laiábanse. "Pretenden explotar a xente da costa", censuraban, reclamando do grupo acuícola mellores condicións laborais. "Que teñan en conta as envexábeis condicións que lle fornece a costa galega e os cartos públicos que recibiron", pedían.

Grandes beneficios empresariais, cativa creación de emprego
"Con 700 mil euros por posto de traballo calquera fai negocio", criticaban en 2007 desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), ao respecto das axudas públicas ás empresas acuícolas. "A macroacuicultura industrial resulta un investimento moi lucrativo para as grandes transnacionais do peixe como Pescanova ou Stolt", censuraban daquela, ao tempo que chamaban a atención sobre os baixos custos laborais derivados e a frouxa creación de postos de traballo malia as millonarias inxeccións de cartos públicos.

Adega recupera agora a denuncia, reprochando que se presente a creación de traballos como un dos principais argumentos para a construción de piscifactorías, cando a realidade dos números é ben outra. Arredor de 400 persoas traballan en Galiza no sector da acuicultura, incluíndo todo o persoal relacionado, desde a produción até a dirección. Un número que o plan acuícola da Xunta calculaba que se podería ampliar en 2 mil novos empregos de cubrírense a totalidade de espazos previstos. A estatística oficial recolle que o cadro medio en cada unha destas empresas é de menos de 50 traballadores e máis dun terzo teñen menos de dez empregados. Poñen exemplo os ecoloxistas no caso da planta de Cabo Vilán, en Camariñas, a máis grande de Galiza, e na que aparecen rexistrados menos de 50 traballadores. "Se acudimos a esta planta durante a xornada laboral dun día calquera, atoparemos 3 ou 4 coches aparcados diante, indicativo do escaso número de persoas que traballan nela", sinalan. "E Camariñas segue unha vila cun importante problema de paro, logo de varios anos coa piscifatoría", subliñan.

O caso de Mira e as promesas de Touriñán
En conversa con Vieiros, a voceira de Pesca do PSdeG, Marisol Soneira, cualificaba tamén de "irreais" as cifras ofrecidas no seu momento por Pescanova como xustificación para ocupar o espazo protexido de Touriñán cunha piscifactoría. Recordaba a deputada socialista que a empresa chegara a asegurar ao principio que a planta crearía 3 mil empregos, promesa que posteriormente reducía a só 300.

E mesmo nese caso, subliñan os ecoloxistas que se trata dunha cifra afastada da realidade. "Como pode ser posíbel entón que, por exemplo, Pescanova en Touriñán oferte 300 postos de traballo, e daquela Stolt en cabo Vilán 200, cando nesta última factoría traballan a día de hoxe unha media de 15 persoas?", pregúntanse desde Adega. Como exemplo citan tamén o caso da recente macrofactoría piscícola que Pescanova puxo a andar na localidade portuguesa de Mira. Recordan que a empresa ofertara máis de mil postos de traballo e que, segundo se anunciou agora, son en realidade 200 empregos. Á beira desa cifra poñen os 45 millóns de euros en subvencións públicas directas que o goberno de Portugal achegou para o proxecto. Alén diso, non entran na comparativa as axudas indirectas para melloras tecnolóxicas, infraestruturas e mesmo vantaxes fiscais. "Resulta que cada emprego custou ás arcas públicas portuguesas nada menos que 225.000 €, ou o que é o mesmo, Portugal pagará con cartos públicos o salario completo dos traballadores de Pescanova (estimamos 15.000 € ao ano) durante 15 anos", indican, "así calquera pon un negocio".


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: