Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ALERTA DA UXT

No último ano perdéronse seis mil empregos no téxtil

Segue a ser un dos piares da economía galega, con 7.500 millóns de euros de facturación.

Redacción - 19:00 22/06/2009

Modernizar os procesos produtivos e introducir melloras co fin de conseguir maiores taxas de competitividade. Estas son as fórmulas que receita a UXT, en concreto a Federación Galega de Industrias Afíns (FIA), para afrontar a crise na que está inmerso o sector téxtil.

Nos últimos 12 meses, perdéronse en Galiza un total de seis mil postos de traballo neste campo. Ademais, hai que ter en conta que o mundo da roupa é un dos piares da economía galega, con 7.500 millóns de euros de facturación, dos que cinco milleiros lle corresponden ao Grupo Inditex. É máis, esta empresa xera, por si soa, o 37% do emprego galego.

E na lousa, caída de exportacións
Esta diagnose ofrecérona no IV Congreso de FIA, cando foi reelixido Xoan Fernández como secretario xeral do 98% dos votos. Ademais de centrárense no sector téxtil, tamén falaron do louseiro, onde as exportacións caeron un 60%. Este é considerado outro dos piares económicos galegos, xa que Galiza é a primeira produtora a nivel do Estado, co 70% da produción estatal. Isto supón 850 mil toneladas de produto ao ano, dos que se exportan o 90% a todo o mundo, basicamente a Francia, Alemaña e Inglaterra.

O sector da lousa facturou o pasado ano 220 millóns de euros e empregou a 3.200 traballadores, subindo esta cifra até os 12 mil empregos se se suma a ocupación directa e inducida. Con todo, nos últimos doce meses, o sector viu reducida a súa capacidade de xeración de emprego até o punto de pechar algunhas das explotacións.

UXT-FIA avoga por unha maior regulación dos mercados, facilitarlles o control ás administracións e a súa entrada nos accionariados das empresas de sectores estratéxicos co fin de asegurar os sectores fronte ao intercambio de accionariados das empresas estranxeiras. Asemade, exixen unha política clara das administracións en relación ás reticencias da banca á hora de outorgar préstamos.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: