Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Mesa sectorial

Educación suaviza a súa proposta de reagrupar o alumnado de Infantil e Primaria

Mentres STEG ve positivos os agrupamentos propostos, mentres que CIG-Ensino considera que a oferta é insuficiente e incumpre o programa do PPdeG.

Redacción - 17:45 22/06/2009

Os sindicatos do ensino conseguiron, na xuntanza da mesa sectorial, que a Consellaría de Educación mudase a súa proposta inicial sobre os reagrupamentos nos centros de ensino infantil e primario, Porén, as reaccións das forzas sindicais foron ben diferentes. Mentres o STEG considera a modificación un "avance importantísimo", CIG-Ensino vea insatisfactoria.

A primeira proposta de Educación foi que en Infantil se realizase o agrupamento con 15 ou menos alumnos de diferentes idades, en Primaria dentro do mesmo ciclo coa mesma cantidade de rapaces e rapazas, e entre diferentes ciclos de Primaria, con 12 ou menos estudantes. Até agora, estabelecíase que se poderían realizar agrupamentos até un máximo de 16 alumnos.

O acordo acadado ao final da xuntanza contempla que os agrupamentos se fagan con 14 alumnos ou menos do mesmo ciclo de Primaria, con 12 ou menos de distinto ciclo, con 10 entre Infantil e Primaria, tamén con 10 entre todos os ciclos de Primaria, 14 de Infantil entre catro e cinco anos e 12 de Infantil con tres, catro e cinco anos.

Para o STEG, o acordo pasa da aplicación de 20/15 que propoñía a circular enviada pola consellaría aos centros a 14/12 para Infantil, o que considera "importantísimo", porque evitará a supresión de moitas unidades e a creación de novos centros en moitos lugares do rural, especialmente en Infantil. Ademais, nas ratios contarán os repetidores e o alumnado con necesidades educativas especiais.

Con todo, o STEG demándalle ao Goberno que nas vindeiras actuacións non provoque "alarma" con circulares que, de cumprírense, "serán un ataque ao ensino público", e salientou o papel de contar con unidade sindical para evitar este tipo de propostas.

Porén, a CIG-Ensino declarou antes da negociación que se deberían reducir as ratios, especialmente en Infantil, cumprindo co programa do PPdeG que estabelecía 15 alumnos e alumnas. O sindicato tamén insistiu no carácter excepcional dos agrupamentos, especialmente entre ciclos, e considerando o mantemento do profesorado definitivo no centro.

A proposta de CIG-Ensino era de 12 alumnos en Primaria, 10 en Infantil e oito no caso de haber agrupamento entre diferentes ciclos de Primaria. CIG-Ensino rexeita a mudanza da proposta de Educación, por considerar que "non supón un avance significativo" e por aspectos como facer obrigatorios os agrupamentos, manter a ratio de 25 alumnos por aula, estabelecer un número moi alto de alumnado para agrupamentos entre ciclos, poder realizar agrupamentos entre distintas etapas e non recoller a posibilidade de reducir ratios por alumnado con necesidades especiais.

Así mesmo, a CIG-Ensino lamentou que as restantes organizacións sindicais lle desen o seu aval a uns criterios que "eran practicamente os que se viñan aplicando desde o ano 2003", e que xa non contaran co acordo entre Administración e sindicatos. Como consecuencia, afirma o sindicato, o acordo traducirase nu elevado número de supresións nos vindeiros cursos, e especialmente no rural, que se verá especialmente afectado.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: