Traballadores do servizo de vías e obras saen á rúa o venres para defender os seus empregos logo das declaracións do presidente da institución a prol da privatización.
Louzán, con Núñez Feijoo nunha imaxe de arquivo
Os 168 empregados do Servizo de Vías e Obras da Deputación de Pontevedra anunciaron que se manifestarán o vindeiro venres ás 11 da mañá en contra da privatización do mantemento das estradas provinciais. A mobilización foi convocada polo sindicato maioritario na institución, que é Comisións Obreiras, en resposta a unhas declaracións recentes do presidente da Deputación, Rafael Louzán que recoñecía sopesar a posibilidade dunha privatización para o ano 2010.
Malia que despois Louzán indicou que "non hai nada decidido" e amosouse disposto a reunirse cos traballadores para aclaralo, estes mantiveron a súa vontade de manifestarse o vindeiro venres. Comisións Obreiras indicou que a actitude do presidente da Deputación "supón a renuncia a competencias propias da Deputación en beneficio dos empresarios privados", mentres que Louzán rematou por afirmar que esta medida dinamizaría a economía provincial.
A protesta terá lugar despois dunha asemblea no parque de Maquinaria, dende onde se trasladarán á sede da Deputación. Polo camiño farán unha parada diante das instalacións do Partido Popular para reclamar unha entrevista con Alberto Núñez Feijoo.