Este domingo, día nacional, celebrouse a chegada da nova norma cunha cerimonia en que participaron a raíña e o primeiro ministro de Dinamarca.
Asistentes ao acto en Nuuk
Coa recente entrada en vigor do novo Estatuto de Autonomía, este domingo, Grenlandia dá un novo paso máis cara á independencia definitiva de Dinamarca. A partir de agora o pobo pode facer uso do seu dereito de autodeterminación.
A cidadanía aprobaba o pasado mes de novembro dotarse de maior autonomía, e de ter un control máis amplo dos seus recursos naturais. A Xustiza e a Policía tamén pasan a estar xestionadas pola illa, e o grenlandés ou kalaallisut (variante lingüística inuit) convértese na lingua oficial.
O Goberno danés conserva a capacidade de decisión en última instancia nos eidos de defensa e asuntos exteriores. Porén, a norma achega os seu 57 mil habitantes á secesión definitiva. Os grenlandeses, a maioría nativos inuit, serán considerados como un pobo diferenciado polas leis internacionais.
O novo estatus chega o día en que Grenlandia celebra o seu día nacional. As festividades comezaron cunha cerimonia de izado da bandeira. A raíña de Dinamarca, Margrethe II, e o primeiro ministro danés, Lars Løkke Rasmussen, participaron no acto.
København (Copenhaguen) goberna a illa dende hai tres séculos. En 1979, outorgoulle unha autonomía limitada. O pasado 2 de xuño, o partido independentista de esquerda Inuit Ataqatigiit, resultou vencedor das eleccións lexislativas.
O primeiro ministro do país, Kuupik Kleist, anunciou que concentrará a súa acción de goberno en solucionar os graves problemas sociais de Grenlandia tal como o alcolismo, a violencia doméstica e a alta taxa de suicidios.