Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
até finais da vindeira semana

A ARMH interrompe a localización dunha foxa común en Mondoñedo

Os arqueólogos da asociación levaban dous días na súa procura, no cemiterio da vila mariñá. Agora, familiares de antigos enterradores achegarán máis información sobre a posíbel localización de catro represaliados.

Redacción - 08:00 22/06/2009
Momento da exhumación dos restos de José Antonio Díaz Álvarez, en Argomoso

Momento da exhumación dos restos de José Antonio Díaz Álvarez, en Argomoso

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) decidiu interromper até finais da vindeira semana a localización da foxa común que leva dous días tratando de achar no cemiterio de Mondoñedo (A Mariña). Alí, supostamente, atópanse soterrados os restos de Florencio Carballo, Antonio María Martínez López, Enrique Navarret García e Andrés Vale Blanco. Só un dos homes asasinados aquel 12 de setembro de 1936, de nome Bruno Martínez, ten unha cova propia, xa que os seus familiares foron recuperar os seus restos, de xeito clandestino, nos anos 40.

Os outros catro presos que foran sacados do cárcere de Ribadeo e conducidos cara Mondoñedo nun camión, aínda permanecen baixo a terra. Alí deixáronos os veciños das Voltas do Prado, a zona na que foran fusilados, e onde foran atopados, de mañá, deitados na cuneta. Os mindonienses contrataran un autobús da empresa Morán para baixar os corpos até o cemiterio da vila, onde foron soterrados, nas catro foxas en liña que agora se procuran.

Nova documentación para achar a foxa
Após unha primeira exploración, a asociación tivo noticia da existencia dalgunha documentación que pode ser, segundo destacaron, "de vital importancia" para dar co "paradoiro exacto" do enterramento que busca. Ao testemuño achegado polo fillo do enterrador daquela altura, José Ramón Xordo, que vai entregar á asociación algunhas fotografías antigas do cemiterio, únese o coñecemento de que o home que traballaba no cemiterio cando se produciu o enterramento "deixou un caderno onde tiña anotados todos os detalles sobre os lugares nos que foran levadas a cabo inhumacións". Esta información, que foi coñecida durante os labores de procura da foxa, levou ao arqueólogo que dirixe os traballos, Andrés Crespo, a tomar a decisión de interrompelos e retomalos nuns días, unha vez que os novos datos "poidan ser estudados debidamente".

Alén disto, durante os labores de desenterramento, esta fin de semana, membros da familia doutros represaliados da zona achegáronse a Mondoñedo para contactar cos voluntarios da asociación e denunciar a desaparición dos seus familiares. Tamén acudiron algúns veciños para sinalar lugares de enterramento doutras dúas foxas comúns de represaliados do réxime franquista en Viveiro. Até alí tamén se han desprazar, nos vindeiros días, voluntarios da ARMH para recoller a información pertinente, tomar testemuño aos familiares e documentar os casos para planificar a súa procura.

Achan os restos de José Antonio Díaz Álvarez
Antes de comezar os labores de desenterramento das foxas do camposanto de Mondoñedo, a ARHM localizou unha nova cova na parroquia mindoniense de Argomoso, onde foron achados uns ósos que posibelmente corresponden a unha das persoas que se procuraba: José Antonio Díaz Álvarez, natural de Ove (Ribadeo, A Mariña), quen fora asasinado por un grupo de falanxistas en setembro de 1936. Este ribadense tiña 39 años de idade cando o mataron, estaba casado e tiña catro fillos.

Segundo datos facilitados pola asociación, José Antonio Díaz Álvarez foi sacado a punta de pistola da súa casa a comezos setembro polos falanxistas ribadenses, que tamén tiñan intención de deter na zona de Vilavella a un veciño chamado Pedro Soto, quen a pesar de recibir un balazo nunha perna, conseguiu fuxir, agochándose dentro dunha cova da Ría de Ribadeo. Porén, José Antonio Díaz tivo peor sorte, e foi conducido á zona de Miravales, perto de As Sasdónigas (Mondoñedo), onde, despois de recibir varios disparos, conseguiu fuxir e agocharse uns días no barrio das Prazas de Argomoso. A fuxida durou pouco, xa que ía ferido e foi denunciado por un veciño, e posteriormente asasinado de varios tiros na caluga, diante do edificio da escola rural de Argomoso. Eran as 17h00 do 20 de setembro de 1936.

Todo apunta a que o esquelete atopado pertence a Díaz Álvarez. Segundo explicou o vicepresidente da ARMH, Santiago Macías, na caveira percibíanse perfectamente dous furados redondos que deixaron os disparos recibidos. Víase tamén que fora deitado directamente na foxa, sen caixa, coa cabeza apoiada sobre unha pedra. No seu desenterramento estiveron presentes dúas das súas fillas e varios netos.


Ligazóns

5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: