A pesar do chamamento do aiatolá, todo parece indicar que os enfrontamentos e a represión policial continuarán este domingo.
Cando menos 10 persoas resultaron mortas e outras 100 feridas nos enfrontamentos coa Policía que tiveron lugar en Teherán nas protestas pola suposta manipulación dos resultados electorais, segundo recoñeceu a televisión estatal de Irán. Estas informacións aseguran que os "alborotadores" fixeron arder o sábado dúas gasolineiras e unha mesquita e atacaron un posto militar.
A mesma canle informara anteriormente de 13 mortes, aínda que despois rectificou para reducir o balance de vítimas. Estes datos non puideron verificarse, dado que os medios estranxeiros teñen restrinxida a información no Irán. Do mesmo xeito, os medios oficiais aseguraron que o domingo volvera a calma ás rúas da capitán iraniana.
Porén, o correspondente da BBC en Irán informou de que este domingo se repetirían as protestas, contradicindo a petición do líder supremo, o aiatolá Alí Khamenei. Tamén explicou que os informes oficiais poderían servir para amedrentar a poboación iraniana que quixese participar en máis manifestacións, polo risco de se veren envoltos na violencia ou identificados con "terroristas".