O colectivo afirma que o obxectivo final da enquisa do Goberno é "limitar ou suprimir a competencia lingüística en galego".
Filosofía e educación foi o tema da última Semana Galega da Filosofía
A Aula Castelao de Filosofía cualificou como "equívoca e tendenciosa" a consulta ás familias enviada pola Consellaría de Educación para definir o uso da lingua no ensino non universitario. Segundo a entidade, é unha iniciativa "demagóxica" que tería como "obxectivo final limitar ou suprimir nos nenos e nenas a competencia lingüística en galego".
A Aula, con 27 anos de andaina, reivindica nun comunicado o seu traballo a prol da normalización do galego a través de publicacións ou da Semana Galega de Filosofía. A participación de intelectuais internacionais, como José Saramago, Adolfo Pérez Esquivel, Eduardo Galeano, Sami Nair ou James Petras difundiuse na nosa lingua.
Segundo a Aula Castelao, "o vocabulario técnico e filosófico é traducíbel, expresábel e interiorizábel en calquera lingua", polo que defendeu o galego como idioma de "coñecemento e reflexión filosófica" para contribuír ao "enriquecemento do vocabulario e dos contidos dos currículos de Filosofía" dos centros. Tamén defendeu o "orgullo e prestixio" do idioma e pediulles ás institucións que apoien a competencia lingüística en galego, polo que reclamou "que se propicien realmente as canles de coñecemento científico, tecnolóxico, filosófico e artístico" na lingua propia.