O Parlamento instará á Xunta a que realice antes de seis meses un estudo de catalogación da súa obra.
Xa pasaron seis anos dende a morte de Man
Seis anos despois da súa morte, a pegada do alemán de Camelle podería acadar o recoñecemento e a protección que veñen reclamando diferentes colectivos. Os tres grupos con representación parlamentaria aprobaron por unanimidade no Parlamento instar á Xunta a que realice antes de seis meses un estudo de catalogación da obra de Man e que, posteriormente, analice a pertinencia de protexer o seu legado mediante a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).
Proposta do PSdeG
Houbo unanimidade de todas as forzas, mais a iniciativa foi presentada pola deputada socialista Concepción Burgo, quen chamou a atención sobre o valor deste conxunto de esculturas, pinturas e escritos como "obra única nas súas características", así como subliñou a súa relación co modelo artístico de Land Art. Ao tempo, fixo fincapé no potencial económico do conxunto para atraer ao turismo.
Pola súa parte, a nacionalista, Ana Pontón, concordou en subliñar "a relevancia e importancia da obra de Man" e engadiu unha emenda á proposición na que solicita á Xunta "un papel activo coas institucións e asociacións que traballan para a conservación desta obra". E polo PP, a deputada Marisol Piñeiro pediu "pasos firmes e mediatos". "Toda a protección da obra de Man atópase nun estado moi inicial", dixo, polo que considerou "precipitado" instar á Xunta a esa declaración, sen facer unha análise previa pormenorizada.