A compañía presentou unha regulación de emprego para 20 traballadores dos 42 que hai en Vigo. Arestora, os afectados atópanse na sede da Xunta.
Varias ducias de traballadores da planta viguesa da multinacional ABB ocuparon a primeira hora da mañá desta sexta feira a o despacho de avogados Garrigues, na cidade olívica, a firma designada pola empresa para negociar o ERE de extinción de emprego que afecta a 130 traballadores en todo o Estado.
A sede desta empresa, dedicada á fabricación de robótica e equipos de baixa tensión, en Vigo é porcentualmente a máis afectada de todo o estado , xa que este ERE esténdese a 20 dos 42 traballadores (47,6 % do seu cadro de persoal), segundo lle explicou a Vieiros Xulio Gómez, voceiro da CIG na compañía.
Demandando "información de primeira man" sobre a negociación do ERE
Ao ocupar o despacho de Garrigues, os traballadores querían demandar información sobre o proceso de negociación do ERE, que se está a desenvolver en Barcelona cunha mesa formada por 21 delegados sindicais, dos que tres veñen de Vigo. "O que queriamos demandarlles aos avogades é que nos explicasen a situación na que están as negociacións, porque non temos toda a información. Alén disto, conseguimos que se enteren en Barcelona da nosa situación", subliñou Gómez.
Nova mobilización ante a sede da Xunta, en Vigo
Cando saíron do predio, situado na Rúa do Areal, os traballadores de ABB dirixíronse cara o edificio administrativo da Xunta en Vigo, en cuxas portas se atopaban, por volta do mediodía, facendo unha concentración para demandarlle ao Goberno "unha intervención neste conflito", sinalou Xulio Gómez. "Queremos que a inspección de Traballo lle bote unha ollada a este ERE, que o estude e que dea a súa opinión", para que poida ser escoitada en Madrid, no Ministerio de Traballo, que é a última institución que aprobaría a extinción dos contratos dos traballadores afectados.
"Non existen razóns económicas que avalen este ERE", recalcou Gómez, "porque a nosa empresa bateu a súa mellor marca de beneficios o ano pasado", sinalou, lembrando que ABB xustifica a presentación deste expediente en "cuestións estruturais e organizativas".
A vindeira segunda feira día 22 de xuño, finaliza o prezo de negociación do ERE, que se está a desenvolver en Barcelona. Porén, segundo dixo Gómez, os traballadores agardan que este prazo se prolongue outros 15 días, e que o goberno español finalmente se bote atrás, e non aprobe o ERE. No caso de que non haxa propostas na mesa para minimizar o impacto da regulación de postos de traballo, os operarios de ABB en Vigo aseguraron que van manter a folga indefinida.