A Rede Anticapitalista convoca unha tractorada virtual nas webs para apoiar a mobilización real dos labregos.
Tractor virtual
Ademais da tractorada real polas estradas do país, este mércores a internet galega tamén contará cos seus tractores virtuais. A Rede Anticapitalista decidiu apoiar a convocatoria do Sindicato Labrego Galego a prol de prezos mínimos para o leite e a reforma das políticas agrarias cunha mobilización dixital.
A iniciativa ciberactivista pretende trasladar á web a ocupación do espazo público polos tractores. Así, pegando un código na páxina, aparecerá un tractor cunha pancarta que percorrerá constantemente a pantalla do computador. Isto servirá para lembrar que tamén a rúa estará ocupada polos vehículos agrícolas.