Son o Béisbol, golf, karate, patinaxe, rugby, sóftbol e squash. Presentaron as súas solicitudes para participar nunhas Olimpíadas aínda que non teñen sede.
Jacques Rogge, presidente do COI
A executiva do COI estivo reunida en Lausana (SuÍza) estes días, e un dos temas que trataron é o dos deportes que ocuparán as dúas prazas vacantes no programa olímpico para os Xogos do ano 2016. Aínda non está decidida a sede para esa edición da gran festa do deporte (Madrid, Chicago, Rio de Janeiro e Tokio son as candidatas), pero si se sabe que as dúas novas disciplinas deportivas sairán da lista de sete composta por: béisbol, golf, karate, patinaxe, rugby, sóftbol e squash.
O presidente do COI, o belga Jacques Rogge, declarou que "os sete deportes fixeron presentacións interesantes e instrutivas. Todos teñen algo que aportar e a decisión consistirá finalmente en determinar cales son os máis aptos para estar". Despois de avaliar as propostas, a executiva do COI realizará unha proposición sobre os dous deportes que deberían estar na vindeira edición destes Xogos, e a decisión final tomarase no mes de outubro.
Programa invariábel dende 1936, os cambios chegaron no 2002
Foi no ano 2002 cando se adoptou a determinación de mudar sistematicamente o programa olímpico despois de cada unha das edicións dos Xogos, que se mantivera invariábel dende 1936. Así, os deportes deben demostrar que merecen estar e permanecer nos Xogos, e isto avalíao a Comisión do Programa Olímpico, composta por membros do COI e as federacións. O presidente desta comisión, Franco Carraro, afirma que "é importante ter un proceso de avaliación ben definido, transparente e equitativo para todos".