O portal aspira a se converter nun punto de encontro e divulgación das actividades relacionadas coa investigación que se fan en Galiza.
Divulgación360.org é o novo portal de ciencia, tecnoloxía e innovación, posto en marcha pola Dirección Xeral de I+D+i da Consellería de Economía e Industria. A web aspira a se converter en referencia do sector no país. Coa iniciativa, I+D+i quere atender as demandas das persoas e entidades que veñen traballando no ámbito da divulgación en Galiza nos últimos anos, creando unha estrutura estábel para difundir e potenciar o traballo científico e innovador.
O nome da web débese á súa vocación de fomentar a participación colectiva e abranguer os 360 graos da comunicación e divulgación da ciencia, da tecnoloxía e da innovación. No portal poderá participar calquera persoa ou entidade relacionada coa divulgación en calquera das súas vertentes, para darlles máis visibilidade ás actividades que se poñan en marcha.
A web tamén lle dedica un espazo ás citas que se conmemoran no ano 2009: o Ano Darwin, o Ano Europeo da Creatividade e a Innovación, o Ano Internacional da Astronomía e a Semana da Ciencia. As demais actividades de divulgación que se celebran en Galicia teñen un apartado específico cunha axenda de actos.
A iniciativa enmárcase dentro das actividades do Programa de Comunicación e Sensibilización Social do Plan Galego de I+D+i 2006-2010, que ten como obxectivo fomentar unha cultura do coñecemento da ciencia e a tecnoloxía que posibilite que o conxunto da sociedade teña unha mellor percepción das actividades de I+D+i e dos seus resultados.