A recente investigación que revelou 70 anos de graves abusos a menores irlandeses está na orixe da mobilización convocada pola asociación SOIAI.
Milleiros de persoas marcharon en silencio este mércores polas rúas de Dublín para mostrar o seu apoio ás vítimas de abusos a mans de relixiosos en 216 internados do país durante décadas. Convocados pola asociación de superviventes (Survivors of Institutional Abuse Ireland – SOIAI), perto de 5 mil persoas participaron na marcha, que rematou ás portas do parlamento, onde os organizadores presentaron unha petición urxente de xustiza.
A marcha chega trala publicación do chamado Informe Ryan, elaborado pola Comisión para a investigación de abuso infantil (Comission to Inquire into Child Abuse). Tras dez anos de investigación e entrevistas, o informe revela por fin os graves abusos físicos, sexuais e emocionais aos que foron sometidos nenos e nenas a mans de relixiosos a cargo de institucións educativas residenciais esparexidas por todo o país, con total impunidade e durante décadas.
Era 1999, cando o daquela Taoiseach, Bertie Ahern estabelecía a Comisión e, en nome do goberno, lle pedía desculpas publicamente ás vítimas. Tres anos antes, en 1996, o documental emitido por RTE Dear Daughter, salientaba os abusos sufridos por Christine Buckley e outras compañeiras nunha das chamadas 'escolas industriais', en Dublín. Buckley e o seu fillo asistían á concentración en Dublín.
Rexidas por ordes relixiosas pero de carácter estatal, as escolas industriais, reformatorios e outras institucións similares de carácter residencial foron creadas a finais do século XIX para acoller a menores abandonados, orfos, problemáticos ou de familias con poucos recursos económicos que decidían internar os seus fillos e fillas de maneira voluntaria. Milleiros de nenos e nenas pasaron por estas institucións, nas que se basean os filmes de 2003 Song for a Raggy Boy e The Magdeleine Sisters.
Abusos continuados até mediados dos anos 90
Segundo o Informe Ryan, en 216 destas institucións o castigo físico "era severo, excesivo e persuasivo", usado para "instigar medo e asegurar control"entres que o "abuso sexual era un problema crónico" e "endémico", principalmente nas escolas para nenos. Algúns dos documentos compilados pola comisión revelan que o castigo físico continuou nalgunhas das institucións investigadas ata mediados dos anos 90.
Das 1090 vítimas entrevistadas pola comisión, o 90% declararon ter sido atacadas fisicamente. A metade foron tamén sometidos a abusos sexuais e violacións. Christian Brothers foi a orde relixiosa con mais escolas ao seu cargo e tamén co número mais elevado de abusos denunciados.
O informe sinala ademais que as autoridades relixiosas e o departamento de educación sabían dos abusos cometidos nas institucións. Sen embargo, a maioría dos culpábeis foron protexidos polas congregacións das que eran membros e as autoridades ignoraron as acusacións. Nalgúns casos, os relixiosos pasaron a levar vidas como civís pero seguiron "aterrorizando" e "abusando" de alumnos noutras escolas unha vez fóra das congregacións.
O escritor Mannix Flynn escribía para o xornal The Sunday Business Post: "Abuso sexual non é un termo o suficientemente forte para describir o sucedido". Flynn pasou dous anos na escola industrial de Letterfrack, en Galway, e describe as institucións como "cárceres infantís e campos de traballo inhumanos".
Recomendacións do informe
O informe propón varias recomendacións para "aliviar" o efecto dos abusos nas vítimas e para evitar que este tipo de abuso infantil se volva a repetir. Sen embargo, as probas e documentos utilizados no informe non serán utilizados en casos penais contra os relixiosos implicados. Isto débese en parte a que os Christian Brothers denunciaron a Comisión no 2004, polo que o informe non revela os nomes e apelidos reais das vítimas ou dos perpetradores dos crimes. No 2002, o goberno asinaba un acordo cas 18 ordes relixiosas implicadas, polo que se lle poñía un límite de 127millóns de euros á "contribución" das institucións relixiosas cara o custe das indemnizacións para as vítimas. Practicamente unha amnistía na que a igrexa aceptaba unha responsabilidade parcial a un custe, económico e legal, mínimo.
O acordo de 2002 é un insulto para as vítimas; a cifra ofensiva (tendo en conta que o custe das indemnizacións pasa do billón de euros). En canto ao informe, chega tarde e sabe a pouco. O Parlamento debate o Informe Ryan esta semana. As ordes relixiosas xa anunciaron que non están dispostas a re-negociar o acordo de 2002.
As vítimas piden que se faga xustiza e que as ordes relixiosas acepten por fin responsabilidade (a nivel económico e legal) polo sucedido: que os culpables sexan nomeados e xulgados e que as compensacións económicas reflictan a súa dor e sufrimento - aínda que ningunha compensación económica será capaz de devolverlles a infancia perdida.
Filmes relacionados que trataron o tema: