Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONFLITOS LABORAIS

Os traballadores de Caramelo: "A Xunta é cómplice de Jove"

Uns 300 traballadores manifestáronse perante o Parlamento contra o expediente de regulación de emprego que afecta a 237 traballadores.

Redacción - 08:00 11/06/2009
Unhas 300 traballadoras manifestáronse perante o Parlamento contra o ERE

Unhas 300 traballadoras manifestáronse perante o Parlamento contra o ERE

"É intolerábel que os responsábeis do goberno recoñezan con toda alegría que manteñen conservas con Manuel Jove ás costas da representación sindical". Así falaba Dores Martínez, voceira da CIG, na manifestación á que asistiron este mércores unhas 300 persoas perante o Parlamento. Fixérono novamente en protesta polo Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que afecta a 237 traballadores de Caramelo, mais desta vez dirixiron todas as súas críticas cara a administración.

"A actitude do goberno ante este caso é un escándalo", dixo Martínez, "participa dun proceso de negociación directo con Jove e chéiranos a complicidade entre o accionista minoritario, a Xunta, e o maioritario". "Nesta situación", insiste a responsábel do téxtil da CIG, "os traballadores non temos ningún tipo de garantía nin sabemos tampouco cal é a postura que está a manter o goberno na mesa de negociación".

Despedimentos e deslocalización
Os traballadores advertiron que que o ERE presentado, pendente da aprobación de Traballo "non é un punto final, senón un punto e seguido". Aseguran que o plan de viabilidade proposto pola empresa "menciona expresamente que a pretensión é que nun futuro próximo se poida deslocalizar tamén a sección de loxística; isto situaría aos traballadores ante un novo proceso de regulación de emprego".

Doutra banda, nese mesmo documento "estabelecese tamén a deslocalización do total da produción", polo que os traballadores denuncian que "os 13 millóns de euros que lle deron a Jove hai escasamente nove meses só serviron para que decidise desmantelar a única fábrica que posúe no país, a d'A Grela". Pola súa parte, responsábeis de Caramelo rexeitaron estas acusacións e negaron que a empresa teña prevista unha operación deste tipo. Así, insisten en que o plan é "salvar á empresa", cousa necesaria porque, do contrario, "a firma tería que pechar".

Outro conflito
Neste mércores houbo tamén no país outras mobilizacións. Un novo conflito laboral, que se suma aos xa coñecidos dos traballadores de Pascual en Lugo, dos graniteiros de Ingemarga ou dos gandeiros polo prezo do leite é o dunha empresa de robótica viguesa. Os traballadores da multinacional sueco-suíza Asea Brown Boveri (ABB) comezaron este mércores os seus paros en protesta pola intención da empresa de despedir a 20 dos seus 48 empregados. Foron catro horas sen traballar para expresar o seu rexeitamento á medida: acudiron até a entrada da planta de Citroën, onde permaneceron repartindo folletos informativos.


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: