Recibiron un aviso de "inicio de procedemento sancionador" por participar na contra-manifestación, en defensa do galego.
A delegación do goberno español en Galiza comezou a enviar esta semana unha serie de avisos de "inicio de procedemento sancionador" aos fogares de varias persoas que participaron nas protestas do pasado 8 de febreiro en Compostela, na defensa do galego.
Algunhas destas persoas foron identificadas após participar na protesta ridiculista que, partindo da Alameda, quixo reivindicar a posta en valor da nosa lingua, dun xeito festivo e cómico. Os avisos de sanción chegáronlles, polo menos, a dúas destas persoas, e neles indícase que están acusadas de "orixinar graves desordes nas vías, espazos ou estabelecementos públicos, ou causar danos graves aos bens de uso público". Tamén foron notificadas outras dúas persoas, militantes independentistas da Coruña, que, segundo indica a carta recibida, trataron de "limitar o libre exercicio do dereito de reunión", en referencia á manifestación que ese día convocara a asociación Galicia Bilingüe en Compostela.
Segundo contan dende o Portal Galego da Língua, a versión policial "demostra ser falsa en moitos casos", xa que as persoas multadas que participaron nos actos ridiculistas, non se achegaron aos membros da asociación Galicia Bilingüe, que convocaba unha manifestación na cidade, e outros mesmo foron identificados cando o acto rematara, sobre as 14h00, e, porén, aparecen na notificación como "identificados antes das 12h00".
Dous militantes independentistas multados
Por outro lado, dende Ceivar sinalan que a comunicación asegura que os dous independentistas sancionados se opuxeron á manifestación contra a normalización do galego "con enfrontamentos físicos e verbais", sen aportar algunha "proba significativa".
Estas persoas poderían recibir unha sanción de entre 300 e 600 euros, se non presentan un recurso en 15 días, e así se decide nun proceso xudicial.
Sentenza contra un militante de Ceivar
Doutra banda, esta semana coñeceuse unha sentenza contra un militante de Ceivar, que está acusado de cometer unha "falta contra a orde pública do artigo 634 do Código Penal" o pasado 24 de xullo, mentres participaba na cadea humana organizada polo colectivo en Compostela. Segundo o xuíz que instruíu o caso, esta persoa tería coreado varias consignas que son consideradas, neste caso, coma un delito de "apoloxía do terrorismo".
Segundo esta sentenza, o militante de Ceivar deberá pagar unha multa de 100 euros, ou ingresar en prisión 10 días. Máis información na web de Ceivar.
Documento elaborado por GzVídeos, no que se amosa como os ridiculistas son agredidos
Un momento da manifestación ridiculista