Remata así a batalla legal emprendida contra o xigante petroleiro pola súa implicación na violación dos dereitos humanos.
Ken Saro-Wiva, escritor e activista nixeriano asasinado en 1995
A multinacional consegue así frear o proceso xudicial iniciado nos Estados Unidos e a través do cal as familias dos activistas asasinados en Nixeria durante o goberno ditatorial, coa presunta complicidade da empresa, aspiraban a ver condenada a Shell.
O acordo económico remata así cun longo período de liortas xudiciais onde, malia que os demandantes semellaban ter as de gañar, a lea podía prolongarse durante moito tempo coas sucesivas apelacións da empresa demandada. A Shell trata así de pechar as denuncias que a implican, entre outras acusacións, cos asasinatos do escritor e activista Ken Saro-Wiva e outros oito opositores á ditadura militar nixeriana a mediados dos 90.
O avogado dos denunciantes comunicou que arredor da metade da indemnización pactada será ingresada nun fondo en favor do pobo indíxena ogoni do delta do Níxer. De todas formas, a resolución extraxudicial é aproveitada polo xigante petroleiro para insistir en que as acusacións "eran falsas". "Estabamos preparados para ir a xuízo e limpar o nome, pero cremos que a forma correcta de seguirmos adiante é centrarnos no futuro dos ogoni e na paz e estabilidade da rexión", comunicaron desde a empresa.