Unha empresa norteamericana crea placas solares flexíbeis, enrolábeis e adaptábeis a case calquera superficie.
Xunming Deng, cunha placa flexíbel
Os paneis solares pesados e ríxidos, con dificultades para se utilizar en moitas superficies, teñen os días contados. A empresa Xunlight, con sede en Ohio (Estados Unidos), vén de desenvolver unha técnica para fabricar as placas que recollen a enerxía solar cunha delgada capa de silicio sobre pranchas elásticas de aceiro inoxidábel, de xeito que os paneis resultantes sexan extremadamente finos e flexíbeis.
Así, a diferencia dos paneis solares correntes, estes poderían integrarse facilmente nos tellados e fachadas dos edificios, nos vehículos, ou mesmo ser transportadas enroladas nunha mochilas. Así, como indica o presidente e cofundador da compañía, Xunming Deng, "podes levalo contigo e cargar a batería do teu portátil".
Ademais, este tipo de paneis solares reduce considerabelmente o custo con respecto ás placas ríxidas, xa que usan células de silicio de apenas un micrómetro de espesor, fronte ás tradicionais de entre 150 e 200 micrómetros. Pola contra, a súa eficiencia é mais baixa, pois só producen 330 vatios onde os pineis máis grosos poden chegar até 740 vatios. Para aumentar a súa eficiencia, as placas de Xunlight utilizan tres tipos distintos de material (silicio amorfo, silicio amorfo e xermanio, e silicio cristalino), mais aínda así continúan en niveis moito máis baixos que os paneis tradicionais.
As de Xunlight non son, con todo, as primeiras placas solares flexíbeis. A empresa United Solar Ovonic, de Michigan, xa está a vender algúns modelos. Mais a principal vantaxe das que fabrica Xunlight radica na súa técnica roll-to-roll de fabricación, que podería reducir en gran medida o prezo de venta. Aínda que iso, como aclara Johanna Schmidtke, analista de Lux Research, "ten que probarse no proceso de manufactura".
Pola súa banda, outras compañías como Heliovolt ou Nanosolar están nunha carreira por conseguir placas flexíbeis usando CIGS, un material semicondutor composto de cobre, indio, galio e selenio, que ten demostrado unha eficiencia próxima ao do silicio cristalino. Mais é un material moi difícil de traballar, e até o momento ninguén desenvolveu paneis deste material a un baixo custo.
O futuro dos paneis solares, segundo Schmidtke, pasa por integrar a instalación das placas fotovoltaicas na construción dos edificios, xa que os materiais flexíbeis son rápidos e fáciles de instalar, posto que os obreiros xa están afeitos a desenrolar os materiais de construción de tellados. Porén, alerta Schmidtke, estes sistemas "adoitan relacionarse con custos baixos, mais realmente tes un risco maior no que respecta ao illamento ou á prevención de incendios, o que aumenta o custo de instalación".