Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Eleccións xerais

No Líbano deciden este domingo o seu futuro político

A incerteza é máxima nuns comicios que se disputan dúas coalicións. A encabezada por Hesbulá é a favorita, ante os pro-occidentais.

Redacción - 14:00 07/06/2009
Co dedo tintado, despois de votar, no Líbano / Imaxe:  L'Orient Le Jour

Co dedo tintado, despois de votar, no Líbano / Imaxe: L'Orient Le Jour

A oposición libanesa, aliada de Irán e Siria, e encabezada por Hesbulá, e a favorita para gañar as eleccións deste domingo e desbancar a coalición pro-occidental que gobernou o país dende 2005, tras o misterioso asasinato do ex primeiro ministro Rafiq al Hariri.

Os comicios enfróntanse no Líbano con incerteza e interese, xa que a renovación do Parlamento podería definir boa parte do futuro do Oriente Próximo. Siria, Israel, Irán a Liga Árabe, a Autoridade Nacional Palestina, Hamas e, indirectamente, os EUA e a UE están pendentes dos resultados.

Uns comicios dunha importancia extrema
As eleccións supoñen a culminación dun longo proceso, que comezou hai case un ano e que pechou a peor época de violencia rexistrada no Líbano dende a guerra civil (1975-1990). Cando se asinou o acordo para terminar coa violencia, facía medio ano que o Líbano estaba sen presidente, e dúas semanas antes morreran perto de 70 persoas en enfrontamentos entre elementos pro-gobernamentais e militantes de Hesbulá, que comezaran cando o executivo libanés cancelara a rede telefónica privada do grupo xií.

Dende que foi asinado o acordo de paz en Qatar, baixo a mediación da Liga Árabe, Hesbulá respectou a formación dun novo goberno, mais conservando o seu dereito de veto sobre as decisións máis importantes do executivo, encabezado, hoxe en día, polo presidente católico maronita Michel Suleiman.

Porén, a presión sobre o grupo xií mantense, sobre todo polo apoio que recibe de Damasco, unha alianza que xera o rexeite contundente de moitos libaneses, que se opoñen á histórica influencia de Siria no país. Ao goberno Sirio impútaselle, aínda que non foi probado, o asasinato do ex primeiro ministro Rafik Hariri.

Un parlamento confesional, onde non se pode obter maioría absoluta
O parlamento libanés é confesional, de tal xeito que o 50% dos escanos correspóndenlles ás formacións cristiás, e a outra metade ás musulmás. Aos musulmáns sunitas garántenlles 27 escanos, os mesmos que aos xiís. Os drusos teñen oito escanos e os alauítas, dous. No espectro cristián, 34 escanos resérvanse para os maronitas, 14 para os ortodoxos gregos, oito para os católicos, seis para os armenios e dous para outras minorías.

As últimas enquisas non dan un gañador claro, mais sábese que a principal loita protagonízana o conglomerado de partidos políticos encabezados polo grupo xií Hesbulá, e os pro-occidentais da coalición capitaneada polo fillo do ex primeiro ministro Hariri. As análises daríanlles 48 escanos, como mínimo, aos primeiros; e 40 aos segundos.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: