Sen citar ningunha entidade financeira en concreto o presidente do goberno español recéitalle fusións ao sector das caixas de aforro.
Reestruturación e fusións. Esa foi a receita subliñada este venres polo presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, para o sector das caixas de aforro. En declaracións á canle pública estatal TVE, Zapatero falou da necesidade de reconfiguración do mapa financeiro e fíxoo en concreto do das caixas, chamándoas a iniciar un proceso que debuxe un novo mapa co tamaño que "logo da crise, han necesitar".
Foi así como recoñeceu a existencia de problemas neste ámbito financeiro e prometeu "esforzo" do goberno español en apoio das entidades durante un período "difícil" que, agoirou, se estenderá aínda durante un treito de até dous ou tres anos. Logo da intervención até o de agora de unicamente unha entidade, a Caja Castilla-La Mancha (CCM), precisou Zapatero que, na súa opinión, a maioría das entidades financeiras estarían navegando ben a crise pero non así "algunhas" caixas das que, admitiu, si teñen problemas.
Así e todo, e malia insistir o mandatario en que o conxunto do sector financeiro atravesa "moi ben" a actual crise económica, recoñeceu tamén a existencia dun proxecto do Ministerio de Economía para a creación dun fondo de axuda á banca. De feito, recoñeceu tamén a apertura de negociacións do PSOE co PP e con outros grupos no Congreso co obxectivo de aprobar un decreto lei para axudar as entidades con problemas. Este fondo podería implicar a mobilización de até 99 mil millóns de euros dos petos públicos.