O sábado 13 de xuño haberá recitais poéticos, unha ofrenda no cemiterio da vila e inaugurase unha exposición que xirará por todo o país.
A asociación O Fervedoiro de Cuntis celebrará o vindeiro sábado 13 de xuño unha homenaxe a Xohán Xesús González, escritor, político e xornalista, que na Segunda República axuntou por vez primeira socialismo e galeguismo na Unión Socialista Galega. Haberá unha ofrenda floral no cemiterio de santa María de Cequeril e un recital poético que terá lugar ante a campa do escritor fusilado no 1936, e ademais inaugurarase na Casa da Cultura unha exposición biográfica baixo o título Porta dun futuro proletario. Esta exposición, que percorre a vida, obra literaria e política, labor sindical e activismo cultural de Xohán Xesús González, xirará por distintos lugares da Galiza. Nestes actos participarán o escritor Xosé Vázquez Pintor, o director do Centro de Documentación Alexandre Bóveda, Uxío Breogán Diéguez Cequiel e un membro da Comissom da Memoria Histórica da Gentalha do Pichel de Compostela. As actividades finalizarán cun xantar.
En Sevil, a súa aldea natal, Xohán Xesús González traballou de canteiro, pero moi logo foi vivir a Compostela, para estudar maxisterio e despois Dereito. Alí a súa actividade dividiuse entre os estudos, o xornalismo (traballou en El Compostelano e A Nosa Terra e fundou o xornal El País Gallego) e a actividade política, comezando polo agrarismo e polo Partido Galeguista. Perante o feble impulso autonómico do partido, en maio de 1931 fundou o Seminario de Estudos Socialistas que en agosto se converteu na Unión Socialista Galega, na que se conxugaba socialismo e galeguismo. Despois do fracaso nas eleccións de 1933, o partido disolveuse, integrándose en Izquierda Republicana.
En resposta ao alzamento fascista do 18 de xullo de 1936 Xohán Xesús González púxose á fronte dun grupo de cincuenta obreiros de Teo (O Terzo de Calo), que se dirixiron cara a Compostela para defender a legalidade republicana. Foi encarcelado e permanecu na cadea até que o fusilaron o 12 de setembro de 1936 nas tapias do cemiterio de Boisaca. Xosé Luís Méndez Ferrín dedicoulle en Con Pólvora e Magnolias algúns dos versos máis emocionantes da literatura galega: En Compostela soterraron a semente/ chamada Xohán Xesús González, porta/ dun futuro suntuoso e proletario.