Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CONVENIO EN VIGOR DENDE HAI 20 ANOS

A Deputación de Pontevedra paraliza sen dar explicacións a compra de libros galegos

A supresión deste contrato, de 40 mil euros, engádese ao recurte nun 25% das axudas da Consellaría de Cultura, anunciado este luns.

M.S.P. - 14:15 02/06/2009

A Deputación de Pontevedra rompeu por sorpresa e de forma unilateral o convenio que mantiña coas editoriais da provincia polo que dende hai vinte anos mercaba libros por un valor de 40 mil euros para dotar as bibliotecas públicas. Alfonso García Sanmartín, presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), manifestou o seu "desgusto" pola noticia, que supón un importante descenso nas editoriais da provincia, e a súa "sorpresa", pois a rescisión do contrato non foi comunicado de maneira oficial nin a Deputación ofreceu información ningunha. Ademais, cando a AGE se puxo en contacto co organismo provincial para solicitar algunha explicación, recibiu "a calada por resposta".

A AGE móstrase alarmada de que a Deputación de Pontevedra tome esta decisión precisamente nun momento difícil para os libros en lingua galega e moi especialmente nun momento en que a crise está a afectar ao sector do libro e da industria editorial, agravada xa pola gratuidade dos libros de texto, e que agora se ve moi dificultada pola falta de apoio á lingua galega. "As industrias culturais non somos as causantes da crise, e parece que somos as que temos que pagar por ela", di García Sanmartín, que se amosa alarmado polo dano que isto pode causar a "un sector en formación, moi importante para a normalización cultural do país". A medida tomada pola Deputación supón un prexuízo moi grande, igualmente, para as bibliotecas públicas da provincia, que perden unha das súas vías principais de adquisición de novos fondos.

A supresión do convenio engádese ao recurte dun 25% nas axudas que a Consellaría de Cultura ofrece ao libro galego. Este luns o DOG publicaba que a contía destas achegas descendía dos 295.387 euros do pasado ano, até os 219.982. Outro dos aspectos que máis preocupan sobre as primeiras xestións realizadas por Ricardo Varela e o seu equipo, é a incerteza xerada ao redor das axudas á tradución a outras linguas de obras en galego e viceversa, que o pasado ano se publicaron conxuntamente coas axudas ás editoras, e das que non se ten noticia polo de agora. En 2008 estas outras axudas acadaron unha contía total de 283 mil euros.

Nada para o libro galego, mais si para Galicia Bilingüe
A Deputación de Pontevedra anunciou a pasada semana que, en cambio, comezará a colaborar economicamente con Galicia Bilingüe; así, Rafael Louzán explicou que o organismo financiará unhas xornadas sobre bilingüísmo que organizará a asociación que procura a segregación nas aulas en función do idioma. O foro centrarase no coñecemento dos modelos educativos doutros países que conten con máis dunha lingua oficial, e celebrarase nas instalacións da Deputación.


4,56/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Roberto Varela, conselleiro de Cultura, reunido cos representantes da Asociación Galega de Editores, a pasada semana
Roberto Varela, conselleiro de Cultura, reunido cos representantes da Asociación Galega de Editores, a pasada semana
Sinatura do convenio, o pasado ano
Sinatura do convenio, o pasado ano