A Fiat retirouse da poxa, polo que a solución do grupo Magna, con 70 mil empregados en 25 países, é a elixida pola Opel para salvar a crise.
A Opel, filial da General Motors en Europa, atopou finalmente saída á incerteza da crise coa solución da entrada do grupo Magna, de capital austríaco-canadense. O goberno alemán outorgoulle aval ao pacto logo de moitas horas de xuntanza até que na madrugada deste sábado se coñeceu o acordo. De forma urxente, o goberno da chanceleresa Angela Merkel inxectará un crédito de 1.500 millóns de euros para reforzar a operación. Ao tempo, a Magna pon na mesa unha inxección de case 500 millóns de euros co aval dunha entidade financeira rusa. A Fiat saíu ao final das negociacións debido xustamente ás cantidades solicitadas pola administración para esta operación.
A operación implicaría que até o 35% das accións quedarían nas mans da estadounidense General Motors. Con todo, mantense a incerteza sobre a posíbel reestruturación da empresa en Europa. Coa escusa da súa reestruturación para protexela dunha eventual creba da súa matriz, estarían en xogo milleiros de postos de traballo en todo o continente. A metade dos 50 mil empregos da empresa en Europa están actualmente en territorio alemán, que tamén conta con importantes factorías no reino Unido, Suecia e Polonia, ademais de no Estado Español. Segundo os primeiros fíos do pacto comunicados, o redeseño do xigante da automoción implicaría a perda de traballo para até 2.500 persoas, unha cifra que, así e todo, aparece ben por baixo dos 10 mil empregos que aseguraba a multinacional italiana que era necesario recortar.