Critican o "exceso de celo policial" nun caso que non sería constitutivo de delito para a súa compañeira. Arestora, Laura Bugallo está en liberdade sen cargos.
Esta sexta feira CIG convocou unha conferencia de prensa para explicar os pormenores das acusacións contra a sindicalista Laura Bugallo, traballadora da sección de inmigración, que foi detida a pasada terza feira, de madrugada en Compostela, acusada de falsificar documentos (facturas e tickets) para axudarlle a inmigrantes a legalizar a súa situación.
Cos medios de comunicación falaron Anxo Noceda, secretario comarcal da central sindical en Compostela; e a secretaria nacional de afiliación e servizos, Elvira Patiño. Ámbolos dous sinalaron que a CIG non tiña convocado antes os medios por recomendacións do avogado de Bugallo, e desculparon a ausencia da sindicalista, que foi vítima dun ataque de ansiedade, debido ás dimensións que colleu o caso. Neste sentido, criticaron o protagonismo doutras entidades, que denunciaron o silencio da central sindical, e revelaron que han pedir o arquivamento, canto antes, da causa contra a súa compañeira.
Denuncian o "exceso de celo" na actuación policial
"A nosa compañeira está en liberdade, sen cargos, sen estar acusada de nada, despois de pasar máis de 50 horas detida, na comisaría, incomunicada", denunciou Patiño, ao tempo que lembraba que a causa contra ela non se sostén, porque "dende a CIG non podemos certificar ningún documento, con excepcionalidade das actas de afiliados; só desenvolvemos labores de asesoría, de acompañamento... Non estamos autorizados para presentar ningún documento. Neste caso, os documentos para certificar a regularidade dos inmigrantes só poden ser presentados por concellos, asociacións, empresas ou a propia policía", recalcaron.
Nesta liña, tamén quixeron subliñar, dende a CIG, que moitas veces se cometen irregularidades "por solidariedade", como por exemplo "mudar unha data", pero que, en todo caso, é "a administración a que ten que requirir as acreditacións, unha vez entenda que uns documentos poden ser erróneos, mais en ningún caso este feito é constitutivo de delito", sinalou Elvira Patiño.
Mais, de darse este caso, e segundo explicaron Noceda e Patiño, o responsábel destes documentos "será a persoa que os presenta, ou a que preparou os trámites", e é a subdelegación do goberno quen debe controlar os trámites, e subsanar as irregularidades detectadas "pola vía administrativa", nunca "levalo á cualificación de delito".
"Non sabemos que hai detrás de todo isto"
Nesta liña, os responsábeis da CIG volveron recalcar que neste caso, só Bugallo foi detida, e non os catro inmigrantes aos que, segundo as acusacións, supostamente tería axudado a falsificar documentos. "As persoas ás que pertencen os catro expedientes investigados só acudiron a declarar; en ningún momento foron detidas. Non estamos culpando a ninguén, só sinalando que a actuación policial foi desproporcionada só coa nosa compañeira, e ela foi a que terminou detida".
Neste momento, os sindicalistas foron preguntados polos xornalistas, con insistencia, por se sabían que había, realmente, por detrás deste "excesivo celo policial", e se se trataba, se cadra, dalgunha "cuestión política de fondo", pensada para danar a imaxe da central sindical, ao que responderon non saber con certeza a que foi debida toda a actuación da policía, describíndoa como unha "medida esaxerada contra unha compañeira que leva moitos anos traballando para facer valer os dereitos dos inmigrantes, e noutras loitas, dunha maneira totalmente íntegra, sen cometer nunca algún delito". "non entendemos a que se debeu esta actuación policial tan dilixente e tan fina, pero agardamos que sexa debida a outras historias", concluíu Patiño.