O alto tribunal recoñece á Comunidade de Montes de Teis a titularidade dunha superficie de 71 mil metros cadrados, ocupada actualmente polo zoolóxico e polos campos de fútbol.
Logo de case catro anos de litixio co concello de Vigo, a xustiza acaba de dar a razón á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Teis, que reclamaba a propiedade do monte da Madroa. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) ditou sentenza definitiva e recoñeceu o que reclamaban os denunciantes: que dende 1752 estas terras foron de aproveitamento común dos veciños da parroquia de Teis e que non foi até hai dúas décadas cando o concello se fixo ilegalmente coa súa propiedade.
En concreto a sentenza refírese a case sete hectáreas e media de terreo e abranguería o espazo ocupado polo zoolóxico, os campos de fútbol de Sampaio e Candeán e unha parte das instalacións deportivas que emprega o Celta de Vigo. O alto tribunal estabelece ademais que se comunique o cambio de titularidade ao Rexistro da Propiedade para cancelar as inscricións que puideran existir a nome do concello vigués e recoñece o dereito da Comunidade de Montes a facer súas todas as obras e edificacións existentes.
Un proceso que se iniciou hai máis dunha década
Malia que o procedemento xudicial é relativamente recente, os veciños levan recadando a información necesaria dende hai xa máis dunha década. Así nolo explica o presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Teis, Eduardo García, quen se amosou moi satisfeito coa resolución final.
Nunha primeira denuncia, o Xulgado de Primeira Instancia deulle a razón aos comuneiros e quitoulle a propiedade dos terreos ao concello. Entón, os servizos xurídicos municipais apelaron perante a Audiencia Provincial, quen lle deu a razón e anulou a sentenza anterior facendo que todas as instalacións volvesen a ser propiedade do municipio. Agora é o Tribunal Superior quen resolve definitivamente a prol dos veciños: "dunha banda recoñécennos que a propiedade comunal é anterior á do concello e ademais a sentenza explicita que as parcelas da Madroa son parte integrante e inseparábel dende tempo inmemorial do resto do monte", explica Eduardo García.
Dereito a percibir un aluguer
Agora a directiva dos comuneiros considera necesaria unha negociación co goberno local para fixar un canon a pagar en concepto de aluguer pola ocupación de toda esta superficie. "Nós non queremos exercer ningunha presión", di Eduardo García, "queremos mandar unha mensaxe de tranquilidade, que non imos a botar a ninguén do monte nin acosar a ninguén". Iso si, unha vez recoñecida a súa propiedade, están a agardar a que o goberno municipal se poña en contacto con eles para negociar as condicións do aluguer. "Supoñemos que unha vez coñecida a sentenza, o concello terá que chamarnos", explica, "nós o único que queremos é que se nos pague polas nosas terras e así seguir traballando nunha mellor xestión do monte da Madroa".