Sospeitan que a embaixada era escenario de orxías nas que participaban famosas senegalesas e diplomáticos de diferentes países.
António Montenegro, embaixador portugués en Dakar, foi chamado a consultas polo ministro de Negócios Estrangeiros debido ás sospeitas que ten o goberno de que pode estar relacionado cunha rede de prostitución. Segundo unha nova de Radio Futurs Médias, que recolle Sen24heures.com, o embaixador tería transformado a embaixada nunha especie de prostíbulo, polo que pasaban mozas senegalesas.
Sempre segundo esta información, diferentes persoas frecuentaban a embaixada a alta horas da noite para manter contactos sexuais con prostitutas. Entre as mozas estarían coñecidas cantantes e modelos do país africano. As autoridades locais, que recibiron xa hai meses unha denuncia do que estaba a suceder, pensan que o escándalo pode ser moito maior e que nas redes de prostitución tamén poden estar participando diplomáticos doutros países.
Agárdase que o goberno luso proceda a destitución dun embaixador que xa se achega á idade de xubilación. Segundo a prensa senegalesa, as autoridades portuguesas están a colaborar na investigación.