A plataforma, que integra arredor de 80 colectivos, sae en defensa da sindicalista Laura Bugallo, detida este martes en Compostela.
Facilitar un empadroamento ou un proceso de arraigo implica ás veces, segundo expoñen desde o Foro Galego de Inmigración, a realización de "pequenas irregularidades formais". "Forma parte case do noso traballo", admiten sobre este tipo de actuacións desde o Foro, que integra ducias de colectivos en todo o país, laiándose de que neste caso se convertese a situación en "obxecto de persecución policial".
Como xustificación a este tipo de prácticas remítense á lexislación en materia de estranxeiría, sinalando o propio marco legal leva á necesidade destas prácticas para poder axudar persoas inmigrantes en situación de irregularidade. Para o Foro Galego de Inmigración o acontecido desta volta é exemplo de "criminalización da poboación inmigrante, trasladando a persecución ás persoas e entidades que traballamos con este colectivo". "Axudas a inmigrantes é fundamentalmente o delito que se lle imputa á nosa compañeira Laura Bugallo, encuberto na forma de falsificación documental ou axuda á inmigración irregular", láianse. Critican ademais que Bugallo tivese que pasar detida case 48 horas na comisaría antes de pasar a disposición xudicial na mañá deste xoves.
Por este motivo, expresan a súa "solidariedade e agarimo" coa responsábel da oficina de inmigración da CIG, a quen consideran unha traballadora "incansábel" na defensa dos dereitos das persoas migrantes. Amosan tamén a plena seguridade de que os posíbeis delitos que se lle imputen "non teñen nada que ver" co aproveitamento en beneficio propio do seu traballo coa poboación inmigrante en Galiza. "Ao contrario, Laura ten axudado moito a persoas inmigrantes e sabémolo ben todos os integrantes deste Foro", subliñan. "Non pode ser que axudar a inmigrantes en situación irregular sexa delito", esixen.