A medida anunciada polo director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Bernardo Tahoces, só deixa fóra aquelas explotacións que están en Rede Natura.
O Goberno pisa o acelerador para revestir de legalidade perto de 50 canteiras ilegais que carecen de licenza municipal. O director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Bernardo Tahoces, subliñou que a principios de xullo quere ter cos permisos todas as explotacións, agás as que estean en Rede Natura. Nestes casos, Tahoces afirmou que son precisos estudos detallados e máis tempo.
O director xeral indicou que isto vai ser posíbel grazas a “un procedemento administrativo exprés” que solucione a situación de “alegalidade”. Sobre as presumíbeis críticas dos ecoloxistas sinalou que “os ecoloxistas están moi ben pero a actividade industrial é moi necesaria”.