Galiza acumula a nivel estatal o maior número de "bandeiras azuis", 19 máis que o ano pasado.
Galiza acapara en 2009 o maior número de bandeiras azuis a nivel estatal, cun total de 119 en praias e outras cinco en portos deportivos, das 571 obtidas polo Estado Español.
Deste modo, Galiza, cos seus 124 distintivos, gaña 19 bandeiras azuis con respecto ao ano pasado, 18 delas ondearán en areais e unha máis en portos deportivos. Así, Galiza contará en 2009 con 35,7 quilómetros de praia recoñecidos con esta distinción. Por provincias, Pontevedra concentra un total de 52 bandeiras azuis -49 en praias e tres en portos deportivos-; A Coruña conta en 2009 cun total de 48 -46+2-; e Lugo, con 24, todas elas en areais.
A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (AEDAC) resaltou este mércores que Galiza, que despois do 'Prestige' "fixo da crise unha oportunidade", acapara case a cuarta parte do total das bandeiras azuis concedidas ás praias estatais (493), converténdose no país europeo con máis distintivos.
Malia iso, esta asociación sen ánimo de lucro, membro da Fundación de Educación Ambiental (FEE) e responsable das distincións, considerou que "existe aínda moito camiño por percorrer", se se ten en conta que Galiza conta con 772 praias.
No conxunto do Estado outorgáronse 571 bandeiras azuis -93 en praias e 78 de portos deportivos- en 2009, manténdose á cabeza dos 34 Estados participantes do hemisferio norte -Europa, Canadá e Marrocos- , o que significa que unha de cada seis bandeiras do total das 3.338 concedidas na rexión ondearán no Estado Español.
Incremento estatal
Desta forma, o Estado recibe 44 bandeiras máis -38 de praias e 6 de portos- que en 2008, un aumento equiparábel ao descenso que se produciu o ano pasado, a causa do endurecemento dos criterios de concesión, e que se aproxima ao número marca de distintivos de 2007.
Por comunidades autónomas, Galiza lidera a lista, con 124 bandeiras azuis (119 de praias e 5 de portos); seguida de Cataluña con 108 bandeiras (87+21); a Comunidade Valenciana, con 101 bandeiras (89+12) e Baleares, con 85 bandeiras (65 +20). Por outro lado, Andalucía aparece en quinto lugar, con 83 bandeiras (70 de praias e 13 de portos); seguida de Canarias, con 35 distintivos (32+2) e Murcia que recibiu 16 bandeiras (15+1). Ao final do ranking figuran Euskadi, con tres bandeiras (2+1), e Cantabria, que como o ano pasado, non obtivo ningunha bandeira azul.
Galiza, Andalucía e Canarias aumentan as súas bandeiras Ante este resultado, o presidente da AEDAC, José R. Sánchez, asegurou que o elevado número de bandeiras concedidas son motivo de esperanza, "pero non de euforia", xa que a obtención dos devanditos distintivos non significa que exista unha boa conduta xeneralizada e que non haxa problemas no litoral, "que os hai".
Así, explicou que a devandita melloría non se reparte de forma regular, xa que mentres a maior parte das comunidades autónomas se manteñen estábeis, con pequenas variacións porcentuais agás Murcia, que descende de 23 a 16 bandeiras azuis -con menos praias candidatas-, as subas concéntranse en Andalucía, con 24 bandeiras máis (18 de praias e unha de portos); Galiza, que gaña 19 bandeiras (18+1) e Canarias, con oito bandeiras máis (7+1).
A clasificación de bandeiras azuis en praias encabézaa tamén Galiza (119), seguida da Comunidade Valenciana (89), Cataluña (87), Andalucía (70), Baleares (65), Canarias (32) e Murcia (15). Contabilizando só os portos, encabeza a lista Cataluña (21) e Baleares (20), seguidos de Andalucía e Comunidade Valenciana, con 13 e 12, respectivamente.
En canto a quilómetros de praia con bandeira azul, Andalucía sitúase en primeiro lugar con (119 km); seguida de Comunidade Valenciana (91,6 km); Cataluña (84,3 km); Galicia (35,7 km); Baleares (22,7 km); Canarias (10,8 km) e Murcia (7,9 km).
Hai que destacar que a media de lonxitude das praias do litoral andaluz é tres veces superior á media estatal, situándose nos 1.800 metros cadrados, fronte á media de 650 metros cadrados, polo que destacou o importante crecemento de bandeiras das costas andaluzas (24 máis que en 2008) fronte ao "desleixo" doutros anos, o que ofrece unha visión "positiva" que aínda ten "un importante potencial" por desenvolver.
Distincións temáticas
Por outro lado, o xurado internacional concedeu as bandeiras azuis en recoñecemento aos servizos de Salvamento, Socorrismo e Primeiros Auxilios aos municipios de Vigo e Telde (Gran Canaria), mentres que outorgou os distintivos temáticos á Información e educación ambiental a Foz, Tarragona e ao porto de Puerto Cristo (Manacor).
As bandeiras azuis á Accesibilidade e atención a persoas con necesidades especiais foron para Roquetas del Mar (Almería), Benidorm (Alicante) e Campello (Alicante).
A bandeira azul é un distintivo internacional que premia o cumprimento duns estándares estabelecidos tales como a accesibilidade, a calidade das augas, a información ambiental dirixida aos usuarios ou o respecto á lexislación.
Apoio ao turismo sostíbel
AEDAC instou os municipios a que sigan colaborando na campaña, xa que a evolución do turismo de 'sol e praia', con prezos moi competitivos, obriga ás praias estatais a competir en calidade-prezo con outros aspectos como a mellora da accesibilidade, o libre acceso, a seguridade e prevención no baño e a abrir "novos sendeiros azuis" que poñan en valor o patrimonio das zonas nas que se sitúan coa chegada de turistas.
Por iso, o seu presidente avogou pola colaboración entre institucións "independentemente do seu signo político" e ONGs, poboacións autóctonas e visitantes para continuar con este labor e mellorar o litoral que "formula aínda problemáticas, debido á crecente presión urbanística, que requiren solucións ecolóxicas e sociais urxentes".
Nesta liña, pronunciouse o xefe do Gabinete Técnico do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, Sebastián Fraile, quen se referiu á polémica dos quioscos nas praias para denunciar que algúns atópanse "dentro da auga", e insistiu en que a Lei de Costas non vai en contra destes locais senón que só pretende que se cumpra a lei, o que redundará "en beneficio de todos".
Como novidade este ano, a Secretaría de Estado de Turismo apoiará a campaña anual de Bandeiras Azuis cunha inversión de 70.000 euros e mediante a sinatura dun acordo de colaboración coa ADEAC, dentro do 'Plan Horizonte 2020'.
No marco desta colaboración, promoverase a participación dos municipios litorais as praias dos cales contan con augas de baño controladas -por volta a 370 dun total duns 450 municipios litorais-, así como dos portos deportivos, en colaboración coas comunidades autónomas.