O 28 de xuño a Fundación Otero Pedrayo entregaralle a distinción na Casa Grande de Cimadevila, en Amoeiro.
A Fundación Otero Pedrayo entregará o Premio Trasalba 2009 a Xosé Manuel Beiras, de quen destaca "toda unha vida dedicada ao galeguismo, na máis xenerosa tradición do que significou no seu día a Xeración Nós", e ademáis a súa "dimensión intelectual, cívica e de pensamento". O premio entregarase, como é habitual, na Festa literaria que se celebrará o domingo 28 de xuño na Casa Grande de Cimadevila, en Trasalba (Amoeiro). O galardón consiste nun debuxo enmarcado realizado por Isaac Díaz Pardo, unha placa e un Libro dos Amigos.
O galardón empezou a concederse en 1983; en anos anteriores recoñeceu a Valentín Paz-Andrade, Ramón Martínez López, Francisco Fernández del Riego, Miguel Anxo Araúxo Iglesias, Xosé Filgueira Valverde, Isaac Díaz Pardo, Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Sixto Seco, Milladoiro, John Rutherford e o pasado ano a Olga Gallego. O acto celébrase no propio Pazo de Trasalba no que viviu Don Ramón Otero Pedrayo, coa asistencia de ducias de veciños da parroquia e de persoeiros da cultura galega, e nesta ocasión sen o famoso pinsapo, o irmanciño, de Otero, derrubado polo vento este último xaneiro.