O conselleiro de Medio Rural recorda que que este sindicato agrario se desmarcou do resto de organizacións.
Juárez censurou actitudes como a de baleirar os camións de leite
"Lamento que se estea a utilizar a situación difícil de dúas explotacións que tiveron un problema coa industria que lles recolle o leite", dixo o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, en referencia á manifestación que protagonizou o Sindicato Labrego Galego (SLG) este mércores. Ao tempo, Juárez insistiu no seu desexo de que o problema xerado en Barreiros entre a industria de Xesús Lence e os gandeiros se solucione e afirmou que accións coma esta "non favorecen un clima de entendemento e de buscar solucións á crise do sector".
Ademais, o conselleiro tamén censurou outras accións como a de reter camións cisterna de leite Río e baleirar o seu contido. Estes procedementos non favorecen para nada que se resolva o conflito do sector lácteo", dixo. Finalmente, Juárez asegurou que ao seu departamento "lle gustaría ter unha solución pronto", se ben reiterou a súa censura a este tipo de reaccións.