O alumnado da escola de Cea organizou un Festival Literario para lembrar o paso do escritor polo lugar e a rodaxe na comarca, hai 24 anos, dun filme protagonizado por Alec Guinness.
En 1985 un equipo da BBC gravou en Oseira as secuencias finais dunha tv-movie baseada na novela de Graham Greene 'Monseñor Quixote', protagonizada por Alec Guinness. Na rodaxe estaba presente o propio Greene, que entre 1975 e 1982 pasaba boa parte do verán no mosteiro. Soubo de Oseira grazas ao seu amigo e confesor Leopoldo Durán, que residiu trinta anos en Inglaterra e que coñeceu ao escritor en 1972, despois de realizar a súa tese de doutoramento sobre O sacerdocio nos escritos de Graham Greene.
A iniciativa dos alumnos do Colexio Público Virxe da Saleta, en Cea, fixo nacer o Festival Literario ao redor de Graham Greene, celebrado este martes na vila ourensá. Rapazas e rapaces da escola local deseñaron, coordinaron e levaron adiante con éxito un vizoso programa de conferencias, proxeccións e roteiros polos lugares que percorreu o escritor nas súas estadías en Galiza: ademais do mosteiro de Oseira, as rúas de Mouriscados (Avión) ou o enclave de As Regadas onde Greene pasaba as tardes na compañía de Antonio Nogueiras ‘O gaiteiro das Regadas'.
Entre o 18 e o 27 de maio de 1985 o equipo de rodaxe da BBC instalouse no Carballiño, no Hotel Arenteiro, para rodar en todas estas localizacións. Na vila aínda lembran a intoxicación que sufriron técnicos e actores (incluído Alec Guinness) por comer caracois sen purgar preparados polo cociñeiro do equipo, que non sabía que tiñan herbicida. A rodaxe concluíu cunha despedida oficial por parte do Concello, que daquela gobernaba Argimiro Marnotes. Outra das curiosidades é que as tomas se enviaban a diario a Londres de onde volvían dous ou tres días despois xa reveladas, e visionábanse, sen son, no desaparecido Cine Rivas. Os traballos de filmación foron seguidos moi de perto polos fundadores do Cineclube e as Xociviga, como Miguel Anxo Fernández ou José Luis Diz, que conseguiron mesmo ser testemuñas das escenas rodadas en Oseira.