Grupos de produtores envorcaron cisternas de leite en Santa Comba, Cospeito e Guitiriz. O empresario lugués ameaza con suspender a recollida en toda Galiza.
Gandeiros de diferentes comarcas de Galiza están a protagonizar actos contra a empresa Lácteos Lence. Este luns, baleiraron cisternas de leite en Santa Comba, Cospeito e Guitiriz. Facendo caso a un chamamento do Sindicato Labrego Galego, os manifestantes solidarízanse con dous compañeiros da Mariña aos que a empresa luguesa se nega recollerlle o leite.
O conflito iniciouse o venres cando a empresa Lácteos Lence lle anunciou a dous produtores do municipio de Barreiros que non lle ía recoller máis leite. Segundo o SLG, a “represalia” empresarial producíase logo de que os produtores se queixasen dos baixos prezos (que nalgúns casos xa caeron até os 26 céntimos o litro).
Aínda que a Xunta prometeu esta fin de semana buscar outras empresas para estes dous gandeiros, até o momento seguen a tirar o leite por falta de comprador. Isabel Vilalba, do SLG, sinala que as outras empresas non se atreven a coller os dous gandeiros por medo a enfrontarse con Lence. Para, Vilalba o dono de Leite Río “intenta facer un escarmento, mandarlle unha mensaxe ao sector de que o que non entra polo rego queda fóra”.
A situación pode empeorar nas vindeiras horas. O Sindicato Labrego deixou claro que van seguir as respostas até que algunha empresa lle recolla o leite ás dúas familias de Barreiros. Mentres, pola contra, Xesús Lence ameaza con suspender a recollida en toda Galiza, o que podería poñer nunha situación aínda máis dramática a máis de dous milleiros de explotacións.