Os líderes relixiosos musulmáns estudan restrinxir o uso das redes sociais na internet por fomentar o pecado.
A influencia da rede social está a preocuparlles aos cregos musulmáns de Indonesia. Uns 700 líderes relixiosos do país asíatico reuníronse para debater fórmulas que regulen o uso destes servizos web, de cara a evitar que os seus fieis as usen para cometer "actividades sexuais ilícitas".
As autoridades islámicas do país musulmán máis poboado do mundo pensan prohibir o uso de páxinas como Facebook para coñecer outras persoas, pois cren que favorecen as relacións sexuais fóra do matrimonio e, polo tanto, o adulterio.
De feito, Indonesia é un dos estados onde máis medrou o uso de Facebook no último ano, cun 645 por cento, e xa supera os 830 mil usuarios. En principio, os imáns non van vetar o uso das redes sociais, pero si redactarán unha normativa de comportamento "decoroso" nelas, que se emitirá mediante un edicto relixioso, sen valor legal pero con ampla aceptación popular en Indonesia. O 90% das persoas indonesias son musulmás e hai unha certa tolerancia cara aos costumes, aínda que nos últimos anos están a rexurdir as correntes conservadoras.
Os líderes relixiosos toman como exemplo Tailandia, onde a mocidade usa as redes sociais para ofrecer servizos sexuais. En Indonesia, Facebook é a web máis visitada, por diante dos buscadores Google e Yahoo, e aglutina o catro por cento das persoas usuarias da rede, só por detrás dos EUA, do Reino Unido, de Francia e de Italia.