Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
De 50 mil euros

O xuíz dita liberdade baixo fianza para 'o estafador solidario'

O activista catalán Enric Duran dixo que non vai pagar, xa que ten intención de enfrontarse ao xuízo e denunciar o "fracaso do sistema económico actual".

Redacción - 09:00 21/05/2009
Enric Duran

Enric Duran

A Audiencia de Barcelona decretou esta cuarta feira liberdade baixo fianza de 50 mil euros para Enric Duran, o activista catalán coñecido como o estafador solidario, ante o perigo de fuga que o xuíz presume. Porén, Duran xa sinalou que non ten intención de pagar a fianza, porque a considera "inxusta", e que tampouco desexa fuxir, senón que quere ficar para se enfrontar a un xuízo no que pretende denunciar o fracaso do sistema económica e financeiro actual.

Enric Duran, que está acusado de delitos de estafa continuada e de falsidade documental, emitiu un comunicado no que se laiaba de que o tribunal puxese prezo á súa liberdade, explicando: "Non teño cartos para pagar a fianza, porque din todo aquelo que tiña. Polo tanto, a xente que me apoia e máis eu, imos valorar que camiño debemos seguir en relación a esta fianza, anticipando, en todo caso, que sería unha estratexia coherente coa miña acción de insubmisión á banca non pagala. Ao mesmo tempo, imos seguir traballando para que os xuíces reconsideren as súas decisións, e me outorguen liberdade provisional sen fianza. E mentres non haxa novidades, por unha vía ou por outra, hei continuar en prisión".

A historia do Robin dos Bancos
Enric Duran, conseguiu case medio millón de euros en créditos de 39 bancos, que foi recadando durante máis de dous anos, e despois fuxiu. Aínda así, unha parte do diñeiro destinouno a publicar Crisi, unha revista que se repartiu de balde o 17 de setembro e que se pode descargar da web 17-s.info. A publicación informa de como nos 'rouban' os bancos e como facer para darlle a volta á situación. De feito, conta como fixo para conseguir todos eses cartos, que non pensa devolver, e para criticar o sistema bancario. Outra parte do diñeiro dooulla a movementos sociais. Duran explica que a súa estafa é un novo xeito de desobediencia civil.

Este activista, que pasou a ser coñecido coma o estafador solidario ou Robin dos Bancos, foi detido o 17 de marzo, mentres impartía unha conferencia no Reitorado da Universidade de Barcelona, ocupado polos estudantes que protestaban contra Boloña.


4,43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: