Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Balance do día do emprendedor

Receita de optimismo e iniciativa para emprender en tempo de crise

Dous milleiros de persoas "con espírito empresarial" participaron nunha xornada destinada ao debate e exposición de fórmulas de emprendemento e consolidación de negocios.

Redacción - 13:30 20/05/2009

"É imprescindíbel que o emprendedor teña confianza no seu proxecto, poña especial atención á hora de decidir o tipo de socio que quere e que potencie ao máximo o seu proxecto, deseñando o mellor plan de negocio posíbel". Esta reflexión de María Teresa Mariño Garrido, da Escola de Negocios Caixanova, é unha das achegadas este martes durante a celebración do Día do Emprendedor. Engadiu Mariño Garrido que como factores de éxito á hora de botar adiante un negocio, destacan ademais da experiencia "a solidez do proxecto, o equipo humano que o vai levar adiante, a súa vantaxe competitiva e as garantías que presenta para os posibles financiadores". No seu relatorio, esta experta animou os emprendedores a seren optimistas e esforzárense especialmente na actual conxuntura á hora de deseñar proxectos empresariais sólidos.

Outro dos convidados ao encontro foi o exitoso emprendedor e gurú de internet Carlos Barrabés, promotor do espazo en liña Barrabes.com, quen lanzou a mensaxe da necesidade dunha rápida e constante innovación á hora de emprender. Na súa opinión, debe enfrontarse a crise actual como "o gran momento dos emprendedores", xa que permite descubrir novos mercados e optimizar a eficiencia. Barrabés salientou ademais a importancia de aprender a ver as cousas desde outra perspectiva e interiorizar o concepto de "facer xa" fronte á formación, á que se referiu como un elemento do pasado. A "observación" e o "entendemento da nova realidade" son para Barrabés as claves do éxito empresarial.

No evento participou tamén o conselleiro de Economía e Industria, Xavier Guerra, quen asegurou que a Xunta ten o compromiso de apoiar con "firmeza" e seren "aliados" do emprendemento. Na súa intervención o conselleiro, quen se definiu así mesmo como "emprendedor" en referencia á súa traxectoria empresarial, destacou a vontade de que "ningunha idea quede sen financiamento" e dixo ver na xuntanza de dous milleiros de emprendedores o exemplo de que "aínda hai esperanza" no contexto de crise. De xeito concreto, falou da necesidade de simplificación de procedementos administrativos e de apostar polo capital risco como instrumentos de apoio a emprendedores e tamén do fomento da "vocación emprendedora" dende os centros educativos. "Déronse pasos nesta dirección, pero queremos afondar para ter máis e mellores emprendedores", subliñou.


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: