O estudo tivo como mostra a 2.200 altos cargos de diferentes empresas, e a cuarta parte considera aceptábel untar aos clientes para manterse no mercado.
Os subornos aumentan nos tempos de crise
Este mércores publicouse unha sondaxe realizada pola consultora inglesa Ernst&Young, e revela que un de cada catro executivos europeos ve nos subornos unha boa saída para manter os clientes e superar a recesión. O estudo usou como mostra a 2.200 altos cargos de empresas afincadas en 22 países europeos, e tamén di que a metade dos executivos enquisados considerou que un ou mais comportamentos empresariais contrarios á ética son aceptábeis nos tempos que corren.
O líder de Ernst&Young para investigación de fraudes, David Stulb, afirmou que "facer pagos en efectivo para acadar un negocio, e incluso mentir sobre a xestión financeira para encubrir resultados decepcionantes, foron prácticas apoiadas por un número alarmantemente elevado de consultados".
A porcentaxe dos executivos que consideran oportuno dar un suborno en efectivo para conservar un cliente sitúase no 53% en Turquía ou no 43% na República Checa. O estudo tamén indica que os altos cargos das empresas son máis propensos a perdoar un comportamento contrario á ética profesional que os seus subalternos. O fraude corporativo aumenta tradicionalmente durante as recesións, e úsase para enmascarar a diminución das ganancias.