Despois de moitos atrancos e con axuda internacional, a canle informará vía satélite e terrestre os habitantes dos dous lados.
A televisión da República Árabe Saharauí Democrática comezou a emitir este mércores 20 de maio. A canle servirá para romper simbolicamente o muro que separa a cidadanía que vive na RASD e a que vive nas "provincias meridionais" controladas por Marrocos.
O novo medio de comunicación emitirá dende Rabuni, nos campos de refuxiados de Tinduf, en Alxeria, e terá unha programación de entre dúas e catro horas diarias. O proxecto iniciouse hai cinco anos e a canle xa emitía en probas dende o ano pasado, pero "presións políticas obrigaron a rescindir o contrato con Hispasat", segundo indicou Miguel Castro, vicepresidente da Asociación Amistad con el Pueblo Saharaui de Sevilla en declaracións a Público.
A entidade sevillana é a principal financiadora da televisión, cuxa redacción está formada por saharauís. O material, de tipo analóxico, foi doado por televisións autonómicas do Estado Español.
Os contidos serán informativos e programas políticos falados en árabe hasaniya, para "contribuír á sensibilización sobre a causa saharauí e desvelar as graves violacións perpetradas por Marrocos contra nós nos territorios ocupados", explicou o voceiro de Información da Fronte Polisario, Mohamed Almamy Tamek.
As emisións serán por vía terrestre catro horas ao día e por satélite dúas horas diarias, para que os habitantes no Sáhara ocupado poidan seguir a actualidade dos campamentos.