Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ESTREA NA SALA NASA

Onde Galiza se chama 'Finlandia'

A obra de Carlos Santiago e Víctor Mosquera emprega o teatro de intervención e a actores non profesionais para deitar unha ollada irónica sobre o país.

Marcos S. Pérez - 08:00 20/05/2009
'O muíño máxico'

'O muíño máxico'

Finlandia é un experimento de teatro civil producido e interpretado por un grupo de cidadáns (de variábel experiencia no palco), no que se quere reivindicar o teatro como ferramenta expresiva de toda a sociedade. Teatro civil, teatro de intervención, pois, na obra escrita por Carlos Santiago e codirixida canda a Víctor Mosquera.

Non son moitos os exemplos de obras semellantes en Galiza, segundo conta Carlos Santiago: "Este tipo de experimentos facíanse en Galiza nos anos setenta e nos oitenta, e eu traballei en Portugal con proxectos semellantes, sobre todo con estudantes. En certa forma os únicos que fan algo parecido son os grupos de teatro amador, aínda que con outras premisas". Entre os intérpretes (Marga Alborés, Ana Triñanes, Jose Silva, Nuria Sebastián, Alfonso Mato, Carlos Meixide ou Expósito Alcocer) atopamos mestras, xornalistas, un historiador, tres restauradores, un taberneiro, unha estudante, un actor, unha bibliotecaria, un deseñador gráfico, un técnico, un educador social, ou un fotógrafo

O texto estaba xa escrito o ano pasado e os primeiros ensaios comezaron en outono, hai apenas uns meses, un proceso rápido, teatro de intervención ligado á actualidade, atravesado no medio pola vitoria do PP nas eleccións do 1 de marzo: "non cambiou demasiado o texto, máis que nada potenciou o final", di Carlos Santiago, que escribiu no seu blog que chegaron á conclusión "de que non hai que mover unha vírgula, que dicía o outro. Finlandia é como é, éche o que hai". Finlandia só se representará, en principio, dúas veces: martes 19 e mércores 20 na Sala Nasa. "Só nos marcamos o obxectivo de facer estas dúas representacións, aínda que xa hai asociacións que están interesadas polo proxecto, en Galiza e en Portugal, e haberá que ver que facemos".

O resultado é un cruce entre o teatro do absurdo e o simbolismo popular, defendendo entre outras a tese de que Galiza (ou Finlandia) ten unha vontade suicida; "só queremos poñer a cuestión encol da mesa, sobre todo cando estamos vendo os despropósitos que se fan coa lingua e a cultura. Pero parece é que a actitude que ten Galiza de renunciar á súa historia e á súa lingua para perderse nesta globalización indiferenciada revela unha clara vontade de suicidarse", di Carlos Santiago.

A obra remata cos personaxes preguntándose se chegará o vento que deb mover as aspas do 'muíño máxico'. Chegará? "Toda a obra é unha dialéctica entre o optimismo e o pesimismo, entre o posibilismo e a utopía. Pero a construción social dun país non é unha cuestión de optimismo ou pesimismo, cómpre tomarlle o pulso real á sociedade. Deixamos o final aberto, que cada un o valore como lle pareza. O que si temos claro é que o noso obxectivo é deitar unha mirada irónica sobre nós mesmos, e distanciarnos de nós propios e da realidade para intervir nela", conclúe o autor de Finlandia.

Fragmento da obra

Turku: Finlandia é un país escandinavo que limita con Suecia e con Rusia. O finés é a lingua maioritaria, que se parece ao sueco pero non é sueco de todo. O ruso tamén se fala, cada vez máis. Por causa do ruso ser falado tanto os falantes de finés falan o finés cada vez peor, o que parece ir en beneficio do ruso. Para contrarrestar isto algúns pensan que o finés hai que falalo máis parecido ao sueco e hai até quen di que para conservar o finés en estado puro o mellor é falar sueco directamente. Pero cando un sueco ouve falar a un finlandés, en finés ou en sueco, sempre pensa que está a falar ruso. os rusos cren que o finés é un dialecto do ruso, e os finlandeses, que o sueco é un dialecto do propio finés, logo está o problema de como escribilo, se con hache ou sen hache. Lahti: Con agá ou sen agá!


Ligazóns

4,79/5 (39 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: