Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PARA XULGAR AOS SOSPEITOSOS DE TERRORISMO

Obama dá marcha atrás e mantén os tribunais militares en Guantánamo

A decisión xerou malestar nas organizacións de dereitos humanos e mesmo en sectores políticos próximos ao presidente estadounidense.

Redacción - 10:38 16/05/2009
A decisión afectará, en primeiro lugar, aos 22 presos de Guantánamo

A decisión afectará, en primeiro lugar, aos 22 presos de Guantánamo

O presidente dos Estados Unidos (EUA) anunciou o restabelecemento das comisións militares creadas polo seu antecesor, George W. Bush para xulgar a presos sospeitosos de terrorismo retidos na base naval de Guantánamo. Esta decisión, que xa está a recibir centos de críticas, contradí o que o mandatario prometera durante a campaña e unha vez gañadas as eleccións. Con todo, semella que as presións do Pentágono e a nova situación en Afganistán forzaron este cambio na estratexia de Obama.

As comisións outorgarán, non obstante, máis dereitos aos detidos, que terán máis liberdade á hora de elixir aos seus avogados e máis protección se se negasen a testificar. Ademais, o presidente comprometeuse a que non serán admitidas as probas obtidas baixo tortura e a que se limiten os testemuños de terceiros que poidan usarse no tribunal. Segundo Obama, as reformas comezarán a restabelecer as comisións como "un foro lexítimo para o enxuizamento, ao tempo que se adaptan ao Estado de Dereito".

A decisión afectará en primeiro lugar aos 22 prisineiros de Guantánamo que aínda están pendentes de xuízo, pero tamén aos futuros presos da nova ofensiva estadounidense contra Al Qaeda e os talibáns.

Reaccións
Logo de que Obama gañase o beneplácito das organizacións a prol dos dereitos humanos, hoxe é o centro de todas as súas críticas. Nun primeiro momento, cando chegou ao poder, o presidente estadounidense deixou en suspenso os tribunais militares e ordenou o desmantelamento da prisión de Guantánamo "no lapso dun ano".

Á luz das novas declaracións, a organización de defensa de dereitos humanos Human Rights Watch (HRW) xa asegurou que esta decisión de reeditar as comisións militares "prolongarán a inxustiza de Guantánamo ao impartir unha xustiza que estará por baixo dos estándares estadounidenses". Ademais, cuestionan o argumento presentado por Obama segundo o cal o sistema de comisións ten raizame na tradición legal estadounidense "sempre que sexa ben administrado e estruturado".


1/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: