Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
Zaloa Ibeas de la Cruz, dirixente do sindicato LAB

"En Euskadi hai riqueza acumulada, mais non reverte na clase traballadora"

A secretaria nacional da Área de Muller da central vasca participou esta cuarta feira nunha palestra organizada pola CUT.

Fernando Arrizado - 20:00 13/05/2009
LAB convocou folga xeral

LAB convocou folga xeral

O sindicato nacionalista vasco, LAB, convocou os traballadores de Euskadi e Nafarroa a unha folga xeral para o vindeiro 21 de maio. Zaloa Ibeas de la Cruz, secretaria nacional da Área de Muller da central participou na terceira das xornadas de formación Avanzando na Construción do Socialismo, organizadas pola CUT e Adiante, esta cuarta feira en Compostela.

Vieiros
: Cando e por que deciden convocar o paro?

Zaloa Ibeas de la Cruz: A actual situación de crise económica e social levounos a artellar unha resposta dos traballadores e das traballadoras. Unha resposta colectiva, reivindicando na rúa que cómpre un cambio social, económico e político. Defender os nosos dereitos, que haxa un reparto xusto. Porque nos piden aos traballadores e ás traballadoras que apertemos o cinto, aínda que non somos nós os culpábeis. E tamén para exixir a creación dun espazo marco en Euskadi onde tomar decisións.

Euskadi é un dos países máis ricos da UE. Están máis preparada a cidadanía vasca para afrontar a crise?

Hai riqueza, lévase acumulando durante décadas, mais esa riqueza fica en mans duns poucos, non reverte na clase traballadora. O paro medrou de maneira salvaxe. Quérennos facer crer ademais que só afecta a industria e a construción, é dicir, os homes. Mais a crise tamén está a golpear duramente o emprego dos sectores máis feminizados, das mulleres. Pretenden agora refundar o modelo capitalista que foi o que nos levou a esta situación.

A nivel económico, que valoración fan dende o sindicato LAB do recente cambio de Goberno no País Vasco?

O certo é que aínda é cedo, mais non temos ningunha expectativa positiva. O PSOE estivo co PNV xestionando todas as políticas que se executaron até o de agora. Seguirá a mesma liña, porque ademais as decisións importantes como as referentes as cuestións fiscais vanse tomar dende Madrid.

O sindicato CUT informa que esta quinta e sexta feiras organizan en Cangas a Comisión Preparatoria do Congreso da Muller en Europa da Federación Sindical Mundial (FSM). Nesta Comisión, na que participa o secretario Rexional Europeo da FSM, Cleanthis Cleanthous, estarán presentes oito delegacións de diferentes nacións de Europa.


5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: