Galaxia publicará nunhas semanas a súa tese de doutoramento, na que defende a idea de que Piñeiro desenvolveu unha estratexia política moi meditada. Entra aqui no especial Letras 09.
A ruptura do galeguismo co 'principio das nacionalidades'
"Na política a importancia máxima téñena os grandes reformadores. A xente está obsesionada pola orixinalidade, pero no terreo da política a reforma, a revisión de principios existentes, e a carraxe para poñelos en práctica, ten o seu mérito. E Piñeiro tivo o carácter de acometer a revisión do principio das nacionalidades, propoñer que o galeguismo abandonase o corolario do principio das nacionalidades: que a cada nación corresponde un Estado. Ese é o cerne do seu pensamento político, e o que lle ten suposto inimizades moi fondas".
Crear a conciencia de Galiza
"Piñeiro consagrou o concepto de 'facer país'. Era moi consciente das nosas eivas colectivas, entre outras a falta de conciencia histórica, e o insuficiente desenvolvemento da conciencia do nós. El quería fundir o horizonte da espectativa persoal, do proxecto individual, da vida de cada quen, coa elaboración da conciencia colectiva. Ser, e ademais ser con outros. Piñeiro fai esa elaboración nun país que era á altura dos anos 50 un auténtico ermo intelectual e político".
Está o PP a rachar o consenso galeguista creado por Piñeiro?
"Piñeiro tiña un temperamento político privilexiado para a negociación, non era un orador de masas. Aínda que se di que fracasou na galeguización dos partidos, o feito real é que triunfou absolutamente. Hoxe ningún partido que participe nunha eleccións en Galicia se atreve a non comezar cun frontispicio no que figura antes de nada o seu convencemento galeguista. O que pasa é que Piñeiro labraba fondo. O convencemento galeguista do PP, que se ten que expresar nunha defensa do idioma, estivo ben representado por Fraga. Hoxe no PP hai un revival, unha pretensión de volver á lingua do imperio. Dende a responsabilidade do goberno, o propio PP vai verificar que ese camiño de desandar o andado non lle vai dar o éxito político. Creo que o presidente Feijoo xa o intúe".