A Federación Galega de Pesca expresa "indignación" pola lentitude en atender a situación.
"Os macizos rochosos con sulfuros metálicos que no seu día foron cortados para ampliar a estrada a Viveiro, a autovía d'As Pontes e a autovía do Cantábrico, agora en construción, seguen sangrando o veleno fatídico sen que se tomase ningunha medida para evitalo". Así o denuncian desde a Federación Galega de Pesca, meses despois do episodio de mortaldade masiva de reos no Eume e temendo que este ano pase o mesmo coa entrada destes "peixes extraordinarios".
Expoñen desde o colectivo que os contactos mantidos até o de agora coa administración non garantiron solución para o problema e expresan a súa "preocupación e indignación". Por este motivo, convocaron para o 31 de maio próximo unha xornada de traballo coa xeóloga Virginia Ormaetxea, coa fin de estudar solucións posíbeis para a situación. Ao respecto, convidan a responsábeis da administración, asociacións deportivas e colectivos ambientais para analizar as medidas a tomar. "O Eume, o Trimaz e os seus respectivos afluentes, e todos aqueles outros próximos á autovía, veranse afectados se non se toman as medidas necesarias", avisan.