Chegou á centena loitando polos dereitos dos pobos indíxenas do Ecuador e pola educación bilingüe quecha-español.
Tránsito Amaguaña
Tránsito Amaguaña, dirixente do movemento indíxena de Ecuador, morreu na madrugada desta segunda feira, aos cen anos, na súa casa de Pesillo, a súa vila natal.
Amaguaña encabezou unha longa loita polo recoñecemento dos dereitos dos nativos ecuatorianos e de toda América. Pola súa ideoloxía de esquerda militante foi perseguida durante décadas no país, e proscrita pola súa ideoloxía. Coñecía ben de perto a explotación que sofren os indíxenas en América Latina, e sumouse tamén á defensa dos dereitos dos traballadores, sendo ben nova. A súa tarefa de anos recoñeceuse co Premio Eugenio Espejo, que lle foi outorgado en 2003. Amaguaña tamén promoveu a educación bilingüe, en quechua e español.
Un bocado da vida da "heroína indíxena"
Tránsito Amaguaña naceu en Pesillo, Cantón Cayambe, Provincia de Pichincha, en 1909. Medrou a carón de seus pais, traballadores dunha facenda, polo que coñeceu a explotación que sufrían os indíxenas huasipungueros. Casou moi nova, mais o seu home non participaba da loita de Tránsito, polo que o seu matrimonio durou pouco tempo. Tivo un fillo e traballou de empregada do fogar. Sendo moi nova, comezou a relacionarse cos incipientes movementos indíxenas, coñecendo a dirixente Dolores Cacuango, e comezando a loita ao seu carón. Nesta altura, ía ás xuntanza do nacente partido comunista, participaba activamente nas protestas e traballaba na creación dos primeiros sindicatos agrícolas do país.
Participou na primeira folga de traballadores agrícolas en Olmedo (1931), e cando os sindicalistas e labregos conseguiron o primeiro Código de Traballo e a Lei de Comunas, fundou a Federación Ecuatoriana de Indios (1944), xunto con Nela Martínez, Jesús Gualavisí e Dolores Cacuango. Por iniciativa propia e sen apoio do goberno, en 1945 creou as escolas campesiñas, fundando, na área de Cayambe, catro centros bilingües quechua-español.
No ano 1963, ao volver dunha viaxe á antiga Unión Soviética, foi detida e levada ao cárcere, acusada de tráfico de armas. Foi reprimida, perseguida e encarcerada por varios gobernos. A escritora Cecilia Miño é autora dunha súa biografía, á que titulou Tránsito Amaguaña, heroína indíxena, e na que a describe como "axitadora belixerante, incansábel loitadora, activista persistente, entregouse á causa pese á persecución constante... Porque a inxustiza é politicamente inaceptábel e moralmente intolerábel".
Máis información: