Ponse en marcha, un ano máis, a campaña de promoción do Día das Letras, da Internet, das Telecomunicacións e da Sociedade da Información.
Por cuarto ano consecutivo, ponse en marcha a campaña +internet+galego+futuro, unha iniciativa posta en marcha, desta vez, pola Consellaría de Economía e Industria para conmemorar o 17 de maio, Día das Letras, da Internet, das Telecomunicacións e da Sociedade da Información.
Por unha banda, nese día lémbrase o aniversario da sinatura do primeiro Convenio Telegráfico Internacional e o establecemento da UIT. Por outra, dende que en 1963 a Real Academia Galega conmemorase o centenario da publicación dos Cantares Gallegos de Rosalía, réndeselle homenaxe cada ano a unha figura sobranceira das nosas letras.
A campaña +internet+galego+futuro pretende, deste xeito, promover o uso da nosa lingua nas novas tecnoloxías. No portal ofrécese información sobre o autor ao que se lle rende homenaxe este ano, Ramón Piñeiro, e sobre todas as actividades de carácter cultural que se van desenvolver arredor do 17 de maio.
Sorteo
Así mesmo, dáse conta de noticias relacionadas co sector das Telecomunicacións e da Internet en Galiza. Como novidade desta edición, a web ofrece un concurso que repartirá sete memorias USB ao día. Para participar, só hai que cubrir un formulario e ter un pouco de sorte.