Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Xosé Ramón Barreiro, presidente da RAG

A Real Academia Galega lamenta o escenario de belixerancia "provocado" contra a lingua

"Pola lingua, estamos preocupados, sobre todo polo cambio de goberno,", lamenta o presidente da institución.

Europa Press - 08:00 11/05/2009
Barreiro Fernández durante a presentación dos Premios Nacionais da Cultura 2008

Barreiro Fernández durante a presentación dos Premios Nacionais da Cultura 2008

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Ramón Barreiro, lamentou a "preocupante" situación que atravesa actualmente a lingua galega, a falta dunha semana para a conmemoración do Día das Letras, que este ano protagoniza a figura do escritor e ensaísta do concello lucense de Láncara, Ramón Piñeiro.

Xosé Ramón Barreiro, que rexenta a presidencia da Real Academia Galega dende o ano 2001, licenciouse en Dereito Canónico na Universidade Gregoriana de Roma en 1963 e posteriormente en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Precisamente, a celebración do 17 de maio coincide cunha manifestación en Santiago "en defensa do galego" convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística, en resposta ás medidas anunciadas pola actual Xunta de derrogar o decreto que regula o uso do idioma no ensino.

Barreiro aclarou, nunha entrevista concedida a Europa Press, que este panorama de "belixerancia" respecto á política lingüística "é unha cuestión que se provoca". "Pola lingua, estamos preocupados, sobre todo polo cambio de goberno,", lamentou. O responsábel da RAG asegurou tamén que "non se sabe que vai pasar" en materia de normalización, polo que espera unha "situación incerta", aínda que aclarou que "este panorama non afecta ás Letras". "Sempre celebramos este acto e á RAG ninguén lle impón un calendario", sentenciou.

"Unha personalidade que desborda os límites"
Ramón Piñeiro, o autor homenaxeado nas Letras 2009, está considerado unha das figuras históricas do galeguismo durante o século XX clave para conseguir a continuidade deste tras a Guerra Civil. Ademais, foi un dos fundadores da editorial Galaxia, da revista Grial e presidiu o consello da Cultura Galega dende 1983 até a súa morte, en 1990.

"Unha personalidade que desborda os límites da normalidade, mantivo a fidelidade á cultura galega", valorou Barreiro en referencia ao polifacético lugués. "Previu para o futuro unha democracia para a que se tiña que preservar a identidade de Galiza e por iso foi formando cadros, persoas e líderes para que cando chegase o momento este país tivese condutores para a súa identidade", recordou. "Máis que unha obra filosófica, a súa importancia está en todo isto".

Avanzou Barreiro que a RAG celebrará unha sesión académica no concello lugués de Láncara --onde naceu-- na que participarán "tres destacados membros da Academia". Ademais, realizarán unha ofrenda floral a Ramón Piñeiro "no lugar onde se mantén viva a memoria deste autor" e agradeceu a actitude "moi positiva" tanto nas autoridades políticas coma por parte das asociacións implicadas.

Sen receitas para a perda de falantes
O marco no que se celebrarán este serie de actos en homenaxe á figura de Ramón Piñeiro mostra como Galiza perdeu a metade dos galegofalantes nos últimos dez anos, segundo os datos do mapa sociolingüístico da RAG.

Sobre isto, Barreiro descartou que o proceso normalizador do idioma provocase un desencanto entre a poboación tal e como interpretaba estas semanas un polémico artigo da fundación conservadora FAES,. Insistiu Barreiro en que esta norma "encaixou ben". "Tratábase de eliminar un conflito permanente nos colexios e nas escolas, e foi unha solución pacifica e aceptada", sinalou.

Por outro lado, criticou a castelanización vixente en varios sectores, como é o caso dos medios de comunicación. "Estanse a especializar en castelán e evitan a utilización do galego", lamentou ademais de estimar a presenza da lingua propia de Galiza en "a penas un cinco por cento" dos contidos.

"Un dos mellores momentos da literatura"
Pola contra, asegurou Barreiro Fernández que se trata "dun dos mellores momentos da literatura galega", no que xorden novas promesas e creadores sobre todo dende a óptica da poesía, o ensaio, a literatura xuvenil e a novela. Así, aínda que indicou que "non todo o que se produce é de altísimo nivel", é un feito que se reproduce tamén "no caso do castelán ou o catalán".

"É unha crise de falantes, non de escritores,", defendeu Barreiro, quen confiou tamén en que, a pesar dos datos sobre a perda de falantes, "permanecerá a fidelidade ao consumo literario en galego". "Os rapaces de agora, aínda que non o falen, escriben galego e enténdeno, teñen os instrumentos necesarios", valorou.

Frustración editorial
Este beneplácito do movemento de novos creadores non se corresponde cun apoio do Goberno ás editoriais do país xa que, segundo denunciou Barreiro, "están nun momento difícil, e esta situación empeora e as súas dificultades estanas a experimentar aínda máis con esta crise".

Deste xeito, explicou que o apoio á cultura galega "non se pode illar", xa que as editoriais "realizan unha función decisiva en esparexela", polo que esa axuda "debe recaer das institucións" coa súa consecuencia nun "punto de referencia no presuposto autonómico, ou non poderán cumprir --as editoriais-- a función que teñen".

"Dáme a sensación que se sentiron frustradas en canto a esa política co anterior Goberno bipartito", opinou Barreiro e vaticinou que "será onde teña que xogar un papel o novo goberno".


2,79/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: