As televisións privadas, principais beneficiadas. A cidadanía, prexudicada se as 'telecos' cumpren a ameaza de subir os prezos.
Claramente inspirado no modelo francés propugnado por Nicolas Sarkozy, o Consello de Ministros aprobou esta sexta feira un anteproxecto de lei de financiación da CRTVE que pretende suprimir a curto prazo a publicidade nos medios de comunicación públicos estatais para contrarrestar "a caída substancial do mercado publicitario". Deste xeito, satisfai a reiterada presión das canles privadas, que quedarán con todo o 'pastel' da publicidade televisiva.
Segundo o goberno español, a iniciativa culmina a reforma dos medios públicos estatais e define o seu papel no escenario audiovisual. Quedan fóra desta normativa tanto as televisións autonómicas como as canles comerciais.
A vicepresidenta primeira, María Teresa Fernández de la Vega, dixo que a intención do Executivo español é que RTVE renuncia de xeito "inmediato e definitivo aos ingresos publicitarios". A cambio, e a imitación do que se ideou en Francia, ese diñeiro procederá do 3% dos ingresos das televisións comerciais que operen en máis dunha comunidade autónoma e do 0,9 dos operadores de telecomunicacións de eido interautonómico.
O texto xa fora consultado e presentado nos últimos días ás diferentes partes implicadas. As empresas de telecomunicación xa anunciaron a súa intención de trasladarlle ese sobrecusto á súa clientela. Por outra banda, a Asociación Española de Anunciantes criticou a medida por considerar que "freará o consumo" e provoca incerteza de cara a planificar campañas a medio e longo prazo. Quizais a publicidade na internet saia como principal beneficiada.
A corporación estatal tamén recibirá o 80% do recadado da taxa sobre a reserva do dominio público radioeléctrico, e poderá ingresar diñeiro polo exercicio das súas actividades e pola comercialización dos seus produtos e servizos.
O resto do orzamento procederá dos Presupostos Xerais do Estado, como até agora. Este diñeiro só se poderá empregar a financiar "actividades de servizo público" e non a poxar por contidos de gran valor. Así mesmo, só poderá gastar o 10% do seu orzamento anual á compra de dereitos de emisión de eventos deportivos, agás os Xogos Olímpicos e Paralímpicos.
A vicepresidenta puxo como exemplo o modelo de "televisión de éxito" da británica BBC, e apostou por unha "televisión pública de maiorías, de calidade e competitiva", que precisa de estabilidade fianceira. O anteproxecto aínda terá que recibir o visto e prace do Consello de Estado e da Comisión do Mercado das Telecomunicacións antes de que se poida remitir o texto ao Congreso dos Deputados.