A asociación EsCULcA e outros colectivos impulsan unha campaña informativa destinada ao boicot de produtos israelís.
O director de Jura Gentium. Rivista di filosofia del diritto internazionale e della politica globale e experto no conflito en Palestina, Danilo Zolo, de visita esta semana en Galiza onde participou en dúas conferencias en Compostela e na Coruña, mostrouse "pesimista" respecto a actual situación en Oriente Próximo
O italiano criticou duramente a "política criminal" aplicada polo Estado de Israel contra os palestinos, os que "impiden mesmo saír pescar" ou que lles prohiben escavar a terra para facer pozos. Neste senso, incidiu na problemática que sofren os palestinos ao non ter o control dos acuíferos.
Segundo o tamén catedrático de Filosofía de Dereito Internacional na Universidade de Florencia, a posibilidade de que a solución pase pola creación de dous estados é "imposíbel", e aposta por que as dúas poboacións convivan dentro dun único estado confederado.
Crítico coa política dos EUA no conflito
Respecto da posición da UE, Zolo -considerado persoa non grata polo Estado de Israel- dixo que os 27 deberían de procurar unha postura autónoma dos EUA, baseada nunha "alianza mediterránea".
Neste senso, considerou que o cambio de Goberno no país norteamericano non vai influír na súa política respecto ao conflito en Palestina. "Non hai máis que ver a Hillary Clinton (ministra de Exteriores estadounidense), que é unha fanática sionista", apuntou.
Por outra banda, a asociación EsCULcA -que colaborou para que Danilo Zolo visitase o noso país- anunciou que, xunto conoutros colectivos, nos próximos días lanzarán unha campaña informativa destinada ao boicot de produtos israelís.